O Concello de Viveiro inviste 15.000 euros na mellora do céspede do campo de Cantarrana – Kiko Rey

AMariñaXa
A intervención, enmarcada no convenio coa Xunta, busca garantir a práctica deportiva e potenciar o atractivo turístico da vila
Viveiro-arranxo-campo-de-futbol-cantarrana-2025
28 Sep 2025

O Concello de Viveiro está a executar nestes días unha serie de actuacións no campo municipal Cantarrana – Kiko Rey co obxectivo de mellorar o estado do céspede e asegurar que as instalacións deportivas ofrezan condicións óptimas tanto para os clubs locais como para os eventos de maior proxección. O investimento, próximo aos 15.000 euros, supón unha das varias intervencións previstas pola administración municipal nos espazos deportivos da cidade.

Estas melloras insírense no convenio recentemente asinado entre o Concello e a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, destinado a reforzar a promoción turística, cultural e deportiva de Viveiro.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou a relevancia desta actuación ao subliñar que “ter o campo en condicións óptimas é esencial para o deporte viveirense e para seguir acollendo torneos que atraen visitantes e xeran un retorno turístico para a vila”. Lembrou tamén que instalacións ben preparadas permiten a chegada de equipos con forte vencello coa cidade, como foi o caso do Real Madrid Castilla, “cunha repercusión notable para Viveiro”.

O informe técnico elaborado no mes de xuño puxo de manifesto diferentes deficiencias no terreo de xogo: céspede deteriorado por falta de abonado, acumulación dunha capa vexetal envellecida, presenza de herba seca e un chan excesivamente duro que incrementaba o risco de lesións.

Para reverter esta situación, estanse a desenvolver traballos de rexeneración do céspede que inclúen escarificar e airear o solo para retirar a vexetación vella, realizar pinchados para introducir area e mellorar a drenaxe, así como aplicar un recebado acompañado dunha resementeira que axude a recuperar a cobertura vexetal. Ademais, empregarase un abonado específico que fortaleza o crecemento e permita corrixir o pH do chan.

Nunha zona concreta será preciso extraer terra e preparar o terreo para a posterior colocación de tepe. Conxuntamente, estas actuacións permitirán que o campo recupere unhas condicións axeitadas, máis seguras para quen xoga e cun mantemento garantido a longo prazo.

⚙ Configurar cookies
0.10028386116028