O Concello de Viveiro insta á Xunta a aportar a subvención asinada para o Campo de Lavandeiras
O grupo de Goberno do Concello de Viveiro insta á Xunta á aportación da subvención para as melloras no Campo de Lavandeiras. O proxecto acordado entre a área de Deportes da Deputación Provincial de Lugo, o Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia e o propio Concello no 2022, contempla a dotación de elementos necesarios para poder levar a cabo a práctica deportiva, incluídas redes, vestiarios ou banquillos, así como a reforma da instalación eléctrica do campo de deportes.
O orzamento do contrato deste proxecto presentado polo Concello de Viveiro en xaneiro de 2022 ascende a 120.018,57 € (IVE incluído), unha partida que ía ser abonada polas tres institucións. A día de hoxe, coa ratificación do compromiso por parte da Deputación, só falta a aportación do 33% da contía que corresponde á Xunta para iniciar ás obras.
Este proxecto, que consta de dúas fases, contemplaba a execución da primeira no 2022 e a segunda, no 2023.
Sen embargo, quedou deserta a licitación correspondente á primeira fase, motivada principalmente pola demora na autorización sectorial de Augas de Galicia, que non se recibiu ata o mes de outubro.
“Ante a imposibilidade de executar a obra no 2022, remitimos unha comunicación ás outras dúas administracións implicadas na financiación. Por parte da Deputación xa se tivo en conta esta circunstancia co fin de prever a cantidade total a achegar con cargo á anualidade 2023, pero a día de hoxe aínda non temos noticias por parte da Xunta de Galicia”, subliña a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, que insiste en que foron varios os escritos remitidos ao goberno galego neste eido.
“Confiamos en que a Xunta cumpra co acordado e aporte a terceira parte do orzamento que lle corresponde. Só así poderemos dotar a Viveiro dunha instalación renovada que permitiría a práctica de máis modalidades e reducir a carga de actividade do Campo de Fútbol Marcos Gómez”, insiste a rexedora.