O Concello de Viveiro informa sobre a notificación de xestión de biomasa
O Concello de Viveiro, en colaboración coa Xunta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA, enviou 3.253 notificacións ás persoas propietarias de parcelas para garantir a xestión adecuada da biomasa e previr incendios forestais.
A tenente de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente, Míriam Bermúdez, recorda que a obriga de manter as parcelas en correctas condicións é anual e debe realizarse antes do 1 de abril de cada ano. Para facilitar o cumprimento desta normativa, o Concello de Viveiro porá a disposición un modelo de alegación que estará dispoñible no Rexistro, no departamento de Urbanismo e tamén na sede electrónica do concello.
Os titulares de parcelas poden: declarar que a súa parcela cumpre coa normativa, enviando fotografías que o acrediten; indicar erros na titularidade catastral e comprometerse a corrixilos; informar sobre a presenza dunha vivenda en estado de ruína para xustificar a non aplicación da faixa de protección; e solicitar unha ampliación de prazo pola Imposibilidade de contratar a execución dos traballos no prazo establecido ou pola Tramitación de autorizacións sectoriais con outras Administracións.
Míriam Bermúdez destacou a importancia desta colaboración para garantir a seguridade da veciñanza e protexer o medio natural de Viveiro.
‘COMPOSTAXE RURAL’
A Tenencia de Alcaldía de Viveiro, dirixida por Míriam Bermúdez, presenta o programa ‘Compostaxe Rural’ desde a área de medioambiente para impulsar a compostaxe individual en vivendas unifamiliares. Esta iniciativa, que promove a xestión autónoma dos residuos orgánicos, inclúe a entrega de 200 composteiros a fogares situados en vivendas illadas con parcela ou horta de polo menos 25 m².
As persoas interesadas en solicitar un composteiro poden facelo a través do teléfono de Viveiro Sostible (697 162 637), o correo electrónico viveirosostible@fcc.es ou mediante o formulario en liña dispoñible no sitio web do Concello, ao cal se pode acceder premendo aquí.