O Concello de Viveiro forma no uso de biotrituradoras

AMariñaXa
Para o persoal da brigada de Parques e Xardíns e do Punto Limpo
VIVEIRO-5-NOV-Punto-Limpo
5 Nov 2024

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro está a implementar diversas medidas co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos e fomentar a sostibilidade no municipio. Recentemente, organizou unha formación para o persoal da brigada de Parques e Xardíns e do Punto Limpo para optimizar o uso e mantemento das novas biotrituradoras adquiridas.

A tenenta de alcaldesa e responsable da área de Parques e Xardíns, Míriam Bermúdez, subliñou que a biotrituradora, a cal xa se encontra en funcionamento, “facilitará a optimización na xestión de residuos orgánicos e contribuirá á limpeza dos espazos públicos”.

“Esta adquisición é parte dos nosos esforzos para garantir un Viveiro máis limpo e respectuoso co medio ambiente, reflectindo tamén o noso compromiso coa eficiencia e o aforro económico”, afirmou Bermúdez. Ademais, a tenenta de alcaldesa anunciou a ampliación do Punto Limpo situado en A Patarroa, cun investimento de 103.851,79 euros. Esta obra incluirá a creación dun depósito específico para podas e biomasa.

A actuación ten como obxectivo eliminar de forma definitiva a mala práctica de utilizar a zona das Nogueiras como depósito de biomasa. Nas últimas semanas de outubro, xa se realizaron labores de limpeza e retirada dos residuos acumulados nesta área.

“Dende o Concello de Viveiro condenamos as condutas incívicas dalgúns veciños, como o abandono de escombros, uralita, electrodomésticos ou restos de podas no espazo das Nogueiras”, sinalou Bermúdez.

“É importante recordar que depositar residuos voluminosos na vía pública sen previa comunicación e confirmación da empresa concesionaria é considerado como unha falta grave na Ordenanza de Convivencia, Limpeza e Residuos, cunha sanción que pode variar entre 751 e 1.500 euros”, engadiu.

0.16419100761414