O Concello de Viveiro explica as actuacións sobre o parque Pernas Peón tralas críticas de Por Viveiro

AMariñaXa
O Concello de Viveiro quere aclarar as actuacións levadas a cabo no parque Pernas Peón tralas críticas verquidas por Por Viveiro.
19 feb 2023

O Concello de Viveiro quere aclarar as actuacións levadas a cabo no parque Pernas Peón tralas críticas verquidas polos membros do grupo municipal de Por Viveiro.

"Trátase dun proxecto amplo e ambicioso, no que se contemplan varias zonas de actuación, preservando a esencia tradicional do parque, cunha superficie total de tres hectáreas, co obxectivo final de mellorar a calidade deste espazo verde", din dende o Concello, "polo momento, a primeira actuación levada a cabo en febreiro de 2022 foi a realización do proxecto por parte da empresa lucense Landelar-Diseño de Espacios Verdes".

En abril do mesmo ano, o equipo redactor "enviou a separata da Zona 5 para encaixar o sobrante do importe do proxecto segundo o acordado en Por Viveiro. Nese momento", o Concello púxose en contacto coa empresa para realizar as actuacións, pero por volume dos seus propios traballos, foilles imposible realizalos ata  decembro. Nese mes fíxose unha primeira plantación e entutorado de 14 árbores de diferentes especies".

Deste xeito, execútanse unha parte das actuacións contempladas na zona sueste, para o que, primeiramente, se procedeu á retirada do mobiliario existente que se atopaba en mal estado (bancos e mesas). Esta era a zona que se atopaba máis despoboada, tras a tala que se levou a cabo no seu día por motivos de seguridade.

“Parece que Por Viveiro leva xa tempo en campaña electoral”, subliña Jesús Fernández, primeiro tenente de alcalde de Viveiro e concellero de Facenda, que insiste en que “se está faltando a verdade” á hora de falar de “falta de programación e de proxecto” con respecto a esta zona. “Non é verdade o cálculo que fan do gasto de cada árbore”, engade.

O coste da plantación varía segundo a especie variando dende os 159 euros de cada roble aos 57 do castaño ao que se engade os gastos da retirada do mobiliario (1.598,89€) ou o entutorado (296,52€). A factura total ascende ata os 5.035,66€ cos conceptos derivados deste tipo de procedementos.

“Parece mentira que se cheguen a estas argucias porque Por Viveiro é perfectamente coñecedor do proxecto que existe para o parque xa que foron informados no seu momento e contan, ademais, cunha copia del”, afirman dende o Concello.

O Concello de Viveiro prevé continuar co plan integral de actuación no parque Pernas Peón con accións como a plantación do céspede e doutras catro árbores, que se farán na primavera. De feito progresivo, continuarán executándose os traballos contemplados no proxecto, que se divide en cinco zonas, un camiño principal e unha praza central. A intención é realizalo en fases a medida que se dispoña de liquidez orzamentaria. Neste senso, a intención é poder incluir unha partida da subvención procedente dos fondos Next Generation que se están en trámites de solicitar.

O grupo de goberno detalla que o importe completo previsto para o plan do parque Pernas Peón é de 1.268.028,77€.