O Concello de Viveiro dá un paso adiante para reforzar o tecido empresarial local
O Concello de Viveiro dá un paso adiante cara ao fomento da actividade empresarial ao aprobar a súa adhesión ao programa ‘Concello Emprendedor’ promovido pola Xunta de Galicia. A concelleira de Promoción Económica, Iria Cotelo, anunciou que esta medida será levada a pleno o vindeiro seis de novembro, onde se presentarán as modificacións nas ordenanzas fiscais necesarias para que se implemente.
O programa contempla rebaixas de impostos de ata un 95 % para as empresas que se instalen no concello ou amplíen as súas instalacións xerando emprego. Para elo, Viveiro modificará as ordenanzas fiscais reguladoras do IBI, o IAE e o imposto sobre Construcións, as tres taxas sobre as que se aplicarán as bonificacións. A porcentaxe de rebaixa dependerá dos postos de traballo creados pola empresa.
Cotelo destacou que “estas medidas buscan facilitar a implantación e o crecemento de iniciativas empresariais no municipio, cun claro compromiso de reactivación económica e de creación de oportunidades laborais para a nosa comunidade”.
Esta iniciativa enmárcase dentro da Lei 9/2021 de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica de Galicia, que establece beneficios fiscais para fomentar o desenvolvemento económico. O goberno local confía en que esta iniciativa sirva para reforzar o tecido empresarial local, proporcionando un marco fiscal favorable que, en última instancia, redundará no benestar económico e social de Viveiro.