O Concello de Viveiro aproba os seus orzamentos

AMariñaXa
O Concello de Viveiro aprobou o un orzamento municipal de 15.491.493,12 euros
concello-de-viveiro-casa-consistorial-2022
4 Xul 2024

O Concello de Viveiro aprobou o un orzamento municipal de 15.491.493,12 euros, cos votos a favor dos grupos de PSdeG, BNG, e as abstencións de PP e Por Viveiro. Entre as principais partidas, destaca a do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que supera os 1,5 millóns de euros, ou os 150.000 euros que o concello aporta para a escola infantil (polos 50.000 euros que aporta a Xunta).

Os orzamentos inclúen 421.200 euros en subvencións para asociacións culturais e deportivas, feiras, festivais, e a asociación comercial do casco histórico. Para pagar estas subvencións, Concello de Viveiro e Deputación de Lugo asinaron a semana pasada o convenio Fomento do asociacionismo, acción social e gastos correntes, por un importe de 1.125.000 euros, dos que 775.000 serán financiados polo concello e 350.000 pola Deputación.

O capítulo para investimentos é de 744.445 euros, con 11 actuacións para a renovación de camiños nas parroquias, a obra na rúa Porto de Celeiro, traballos na rede de saneamento, e melloras no punto limpo, o conservatorio, a piscina e o campo de fútbol de Celeiro, entre outras. Polo que respecta á débeda do concello, rematará o ano 2024 en 6.697.000 euros, cando superaba os 14 millóns de euros en 2015.

“Unhas contas realistas e cun claro acento social, pensadas para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas, así como para apoiar ao tecido asociativo local”, asegurou a alcaldesa, María Loureiro. A tenente de alcaldesa, Míriam Bermúdez, lembrou que no primeiro semestre do ano, “a pesar de todas as dificultades económicas que limitaron a capacidade de acción, fomos quen de manter uns servizos dignos aumentando nun mes os servizos nas praias, renováronse os camiños do Pernas Peón e conseguimos unha subvención para este parque de 105.000 euros€ que pronto se levará a cabo”.

Ademais, “abrimos e mantemos 4 aseos públicos abertos, fixéronse melloras nas recollidas de pluviais en Covas e Chavín, aprobamos textos importantes como a Ordenanza de acceso a praias e a de viais para a saca de madeira, vaise adquirir un novo tractor para os desbroces e estanse elaborando documentos imprescindibles como os de Mobilidade, Accesibilidade, ou o futuro contrato da luz".

 

0.21053290367126