O Concello de Viveiro adxudica as obras para rehabilitar o paseo marítimo
O Concello de Viveiro informa que tivo lugar a mesa de contratación para a apertura de ofertas presentadas no expediente para a licitación das obras que solucionarán os problemas estruturais da fachada do paseo marítimo, entre o templete da música e o Conservatorio de Música.
Neste procedemento presentáronse dúas empresas, resultando proposta como adxudicataria a empresa Sergonsa Servicios S.L.
O importe do proxecto, denominado "Proyecto de Análisis de los problemas estructurales de la fachada marítima de Viveiro y estudio de la solución", ascende a 115.611 euros e o seu prazo de execución é de 4 meses.
As deficiencias estruturais existentes ao longo da fachada marítima consisten basicamente no basculamento cara ó mar da parte alta do muro de sostemento da fachada marítima, unido a un asentamento do borde exterior da lousa do paseo marítimo. Estas deficiencias orixinaron unha serie de irregularidades na pavimentación, que motivaron o balado da zona co fin de impedir o acceso aos viandantes.
Neste proxecto defínense as obras necesarias para reparar 90 metros da fachada marítima de Viveiro e dotar ao mesmo da protección necesaria para a súa utilización de forma segura por parte da poboación.
Entre as actuacións previstas inclúense a consolidación do terreo, a execución da lousa e o reforzo da balaustrada.
Para a execución destas obras, o Concello de Viveiro e a Deputación Provincial de Lugo asinaron un convenio de colaboración, mediante o cal a institución provincial achega un investimento de 100.000 euros para acometer estas actuacións.