O Concello de Viveiro: "A suba do canon suporá unha carga insostible"

AMariñaXa
Expresan ante as subas e o modelo de xestión centralizado de Sogama
Viveiro-sogama
7 Nov 2024

A tenenta de alcaldesa e responsable da área de Medioambiente do Concello de Viveiro, Míriam Bermúdez, manifesta o rexeitamento frontal ante a subida acumulada do canon de Sogama, “que en menos de dous anos superará o 60% e que suporá unha carga insostible para o municipio”.

O incremento do canon, que afecta directamente aos concellos, pasou de 68 euros por tonelada na primeira metade de 2024 a 88 euros en xullo do mesmo ano, e prevese que para 2025 alcance os 108 euros.

“Este aumento representa un duro golpe financeiro para Viveiro, onde a diferenza na factura anual de residuos entre 2024 e 2025 ascendería a aproximadamente 167.334 euros, incrementando os custos municipais en máis dun 30%”, explica Míriam Bermúdez.

IMPACTO ECONÓMICO DIRECTO

A diferenza na factura de residuos de Viveiro entre 2024 e 2025 sería de aproximadamente 167.334 euros, un 30,36% máis nos custos de xestión de residuos municipais. Esta suba súmase aos aumentos previos, colocando ás finanzas locais baixo unha presión crecente e continua. Os incumprimentos de Sogama coa normativa de residuos e sustentabilidade Galicia, afirma, segue afastada dos obxectivos europeos e estatais de xestión sostible de residuos.

En 2022, mentres a normativa marcaba a compostaxe de 245.000 toneladas de biorresiduos, apenas se trataron 3.000. "A Xunta, en lugar de investir en plantas de compostaxe, decidiu ampliar as instalacións de Sogama e apostar pola incineración, unha práctica non sustentable e penalizada pola Directiva Europea de Residuos e a nova Lei estatal de residuos", explica a tenenta de alcaldesa.

Estas subas e o modelo de xestión centralizado de Sogama "supoñen un impacto insostible para Viveiro e para o conxunto dos concellos galegos, mentres que os incumprimentos en materia de reciclaxe e compostaxe afastan Galicia dos estándares ambientais europeos".

0.14573788642883