O Concello de Trabada renovará a cuberta do pavillón municipal tras os danos do inverno

AMariñaXa
As obras, cun investimento de máis de 87.000 euros, contan con axudas da Xunta e da Deputación de Lugo
Imaxe do polideportivo de trabada
12 sep 2024

O Concello de Trabada acometerá nas próximas semanas a substitución da cuberta do pavillón polideportivo municipal, tras os estragos causados polos temporais do pasado inverno. Ademais, renovaranse os canalóns e as baixantes para mellorar a infraestrutura.

O proxecto, cun orzamento total de 87.453,72 euros, será posible grazas ás subvencións obtidas: 60.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e outros 20.000 euros da Área de Deportes da Deputación de Lugo. O Concello achegará a contía restante mediante fondos propios.

O alcalde de Trabada, Rubén García, explicou que “a necesidade de renovar a cuberta xurdiu logo de que o pavillón resultara danado polos fortes ventos deste inverno. Preparamos a documentación para optar ás axudas e así mellorar as instalacións”.

Esta actuación enmárcase nun plan máis amplo do Concello para mellorar a eficiencia enerxética e a envolvente térmica dos edificios municipais, como xa se fixo en antigas escolas parroquiais, na Cámara Agraria, na Casa Consistorial e no pavillón de Sante. Recentemente, o Concello tamén adquiriu unha nova máquina fregadora aspiradora para o mantemento da pista do pavillón.

0.075186967849731