O Concello de Trabada reclama ao Ministerio a chegada da fibra óptica a Valboa e Ría de Abres

AMariñaXa
O goberno municipal denuncia un agravio comparativo dentro do propio concello e pide medidas urxentes para garantir a conectividade en todas as parroquias
Concello-de-trabada-edificio-casa-consistorial
3 Feb 2026

O Concello de Trabada vén de dirixirse por escrito ao Ministerio de Transformación Digital y de la Función Pública para solicitar a inclusión das parroquias de Valboa e Ría de Abres no despregue de redes de banda ancha de alta velocidade mediante fibra óptica, tras quedar fóra do plan que xa se executou noutras zonas do municipio.

Nos últimos meses realizáronse no termo municipal traballos de instalación de postes e cableado, permitindo que a fibra óptica estea xa operativa en varias parroquias. Con todo, Valboa e Ría de Abres continúan sen acceso a este servizo básico, unha situación que desde o Concello cualifican de inxusta ao producirse unha clara desigualdade entre veciños do mesmo concello.

O goberno local advirte de que a falta de conectividade supón unha importante limitación para o acceso á administración electrónica, o desenvolvemento da actividade económica, o teletraballo e a educación en liña, ademais de contribuír á perda de poboación no rural.

Na carta remitida ao Ministerio, o Concello solicita a adopción de medidas urxentes para incorporar estas parroquias ao Programa UNICO Banda Ancha ou a outros plans similares, co fin de completar o despregue da fibra óptica en todo o municipio.

O alcalde, Rubén García, asegurou que “desde o Concello imos defender sempre os intereses da nosa veciñanza, viva onde viva”, e subliñou que “a conectividade é hoxe un servizo esencial para garantir igualdade de oportunidades e fixar poboación no rural”. Desde o goberno municipal confían en obter unha resposta favorable a unha demanda que consideran prioritaria.

⚙ Configurar cookies
0.077661991119385