O Concello de Trabada recibe unha achega para a posta a punto do polideportivo

AMariñaXa
A Deputación achega 44.000€ ao Concello de Trabada para melloras no polideportivo. Acondicionarase os vestiarios e o ximnasio entre outros
sinatura convenio trabada deputacion
4 Xan 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, asinaron un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achegará 44.000 euros para acometer melloras nas instalacións e equipamento dos vestiarios e ximnasio do polideportivo deste concello mariñano. 

Os traballos consistirán en actuacións de acondicionamento da zona dos vestiarios e o ximnasio, así como da dotación de equipamento básico para o bo funcionamento desta instalación deportiva. 

“Por fin podemos acometer estas melloras, que son unha demanda histórica deste concello. Levábamos dous anos solicitando axudas á Xunta de Galicia para facer estes traballos, pero rexeitáronnolas. Trátase dunha dotación fundamental para os veciños e as veciñas de Trabada e agora, grazas á Deputación, poderán desfrutala”, explicou García Bermúdez.

Pola súa banda, o presidente subliñou que “a Deputación é o Concello dos Concellos, e como Concello grande ten como prioridade colaborar e axudar na medida das súas posibilidades para que cada concello da provincia poida desenvolva actuacións que non poden abordar por si sos e que sirvan para dotar de máis e mellores servizos públicos aos veciños e veciñas”. Nese senso, Tomé Roca garantiu a vontade da Deputación de seguir apoiando ao Concello para mellorar a vida da veciñanza de Trabada.

Esta nova colaboración económica de 44.000 euros que fai agora a Deputación de Lugo con Trabada súmase, entre outras, ao investimento de preto de 255.000€ que a institución aporta ao Concello a través do Plan Único deste ano 2022. 

0.091091156005859