O Concello de Trabada organiza unha viaxe a San Sebastián, Bilbao e Castro Urdiales

AMariñaXa
A iniciativa desenvolverase do 13 ao 15 de marzo e contará cun prezo de 265 euros por persoa
Concello-de-trabada-edificio-casa-consistorial
26 Jan 2026

O Concello de Trabada vén de anunciar unha nova edición do programa “Viaxa co Concello”, unha proposta de turismo social coa que a veciñanza poderá participar nunha viaxe organizada a San Sebastián, Castro Urdiales, Bilbao e San Juan de Gaztelugatxe, que terá lugar os días 13, 14 e 15 de marzo.

Segundo informa o Concello, o prazo de inscrición abrirá mañá ás 9.00 horas nas oficinas municipais. A actividade conta con prazas limitadas e está dirixida a veciños e veciñas empadroados no Concello de Trabada, maiores de idade. No caso de quedar prazas libres unha vez pechado o prazo, poderán participar persoas con familiares empadroados no municipio, previa inscrición.

A viaxe terá un prezo de 265 euros por persoa e inclúe seguro de viaxe, dúas noites de aloxamento en hotel de catro estrelas, almorzos buffet do sábado e do domingo, comidas de venres e domingo, así como ceas buffet as noites do venres e do sábado. Ademais, está incluída a entrada ao tren turístico en San Sebastián. A ruta gastronómica prevista na capital guipuscoana non está incluída no prezo.

Desde o Concello destacan que esta iniciativa busca promover o lecer, a convivencia e o encontro entre veciños, ao tempo que se facilita o acceso a experiencias turísticas organizadas nun ambiente próximo e accesible.

⚙ Configurar cookies
0.075137138366699