O Concello de Trabada aprobou en pleno o orzamento para o ano 2025

AMariñaXa
Unhas contas nas que destacan as partidas destinadas a políticas socias e ao tecido asociativo local
Trabada-27-nov
27 Nov 2024

O Concello de Trabada aprobou en pleno un orzamento municipal de 1.981.660,06 euros para o ano 2025, unhas contas nas que destacan as partidas destinadas a políticas socias e ao tecido asociativo local. “O obxectivo prioritario no 2025 é reforzar os servizos e infraestruturas públicas de Trabada, mellorando a vida dos nosos veciños e veciñas”, explica Rubén García, alcalde de Trabada.

“Dedicamos gran parte deste orzamento aos servizos públicos e sociais”, explica o alcalde, Rubén García, “aumentando o número de horas prestadas na Axuda no Fogar para chegar a máis veciños e veciñas de Trabada”.

“Ademais, aportamos case 70.000 euros para o Centro de Maiores do concello de Trabada e diriximos outra partida importante ao tecido asociativo do noso concello, apoiando ás asociacións, clubes e comisións de festas que axudan á dinamización e fan que Trabada conte cunha ampla programación de actividades todo o ano”, engade o alcalde.

“Para este grupo de goberno, o primeiro son as persoas e así se recolle neste orzamento que vimos de aprobar, apostando por unha política que coide dos veciños e veciñas de Trabada e lles oferte servizos cos que melloran a súa calidade de vida”, explica Rubén García.

No capítulo de investimentos reais, contemplase unha partida de 572.232,95 euros, “e xa temos programada a execución de diferentes obras, ás que sumaremos ás procedentes das subvencións e convenios que academos durante o ano 2025”, apunta.

“Unhas contas que son o espello da nosa forma de entender a política, con actuacións para coidar das persoas, prestarlles servizos no día a día e continuar mellorando o noso pobo”, remata o alcalde, Rubén García.

0.16549015045166