O Concello de Trabada anuncia que pon en aluguer social as antigas vivendas dos mestres

AMariñaXa
Tras completar un proceso de rehabilitación nestes inmobles de Trabadela, Sante, Vidal e Vilapercide
TRABADA-16-DEC-2
16 Dec 2024

O Concello de Trabada anuncia que pon en aluguer social as antigas vivendas dos mestres situadas nas escolas unitarias das parroquias de Trabadela, Sante, Vidal e Vilapercide, tras completar un proceso de rehabilitación que permite darlles unha nova vida.

“Hai anos comezamos un proceso de reforma que agora dá os seus froitos, con alugamentos sociais nun momento especialmente complicado para acceder a unha vivenda en toda España”, destacou o alcalde de Trabada, Rubén García.

Con esta iniciativa, o Concello busca ofrecer protección aos colectivos máis vulnerables, promovendo un uso social para os inmobles que no pasado desempeñaron un papel fundamental na vida das parroquias. “Queremos darlle unha nova utilidade a estas antigas escolas que tanto significaron para as nosas comunidades”, engadiu o alcalde.

Os prezos do aluguer oscilarán entre os 100 e os 155 euros, en función do valor de cada vivenda e das bonificacións ás que poidan acceder os solicitantes.

“Unha iniciativa coa que temos que estar moi satisfeitos, as antigas escolas unitarias terán agora un uso 100% social, con actividades das asociacións veciñais e estas vivendas en alugamento social”, sinalou Rubén García.

As persoas interesadas dispoñen dun prazo dun mes para presentar as súas solicitudes. Toda a información necesaria pode consultarse na sede electrónica do Concello de Trabada e no Boletín Oficial da Provincia de Lugo deste luns, 16 de decembro.

0.18559288978577