O Concello de Ribadeo vai acondicionar a rúa Casa do Pobo

AMariñaXa

O Concello de Ribadeo vai acondicionar a rúa Casa do Pobo cun investimento de case 100.

30 dic 2022

O Concello de Ribadeo vai acondicionar a rúa Casa do Pobo cun investimento de case 100.000 euros. Esta rúa atópase moi deteriorada, actualmente acabada con rego asfáltico, e esta é unha das causas de que aparezan as numerosas fochancas que alí existen. "Trátase tamén dunha rúa moi estreita, o que provoca que tanto os vehículos como as persoas compartan a maior parte do espazo, supoñendo isto un perigo”, din dende o Concello.

A concelleira ribadense de Obras, Mónica Freire lembrou que “levamos xa uns meses traballando, dialogando coa veciñanza desta rúa, para poder conseguir facer un proxecto adaptado ás condicións do noso Plan Xeral, no que este viario conta cun ancho de 10 metros.  Afortunadamente, este diálogo deu os seus froitos e os veciños cederon o espazo necesario para poder acometer estas obras dun xeito que poidan contar cunha rúa con tódolos servizos e condicións de accesibilidade”.

Freire explicou que “o proxecto que redactamos e que suporá un investimento duns 100.000 euros, contempla a execución duns muros de contención para poder chegar a ese ancho de 10 metros”.

A concelleira de Obras seguiu a relatar que “substituiremos toda a canalización existente de saneamento, por unha nova en pvc, que discorrerá polo centro da calzada.Tamén melloraremos a instalación de abastecemento de auga. En relación ao alumeado, vaise substituír toda a canalización e disporanse novas arquetas así como luminarias tipo LED. Soterraremos tamén a instalación de enerxía eléctrica e de telefonía ao longo de toda a rúa. E por último, disporase unha nova sinaléctica tanto horizontal como vertical”.

Foi publicada na Plataforma de Contratos do Sector Público a licitación destas obras, que ascenden a 96.050,27 euros e que contan cun prazo de execución de 4 meses. “Así que agora, as empresas cualificadas para executalas teñen acceso a toda a documentación nesta web ou na do propio Concello de Ribadeo. E contan cun prazo de presentación de ofertas de 20 días naturais”, engadiu Mónica Freire.