O Concello de Ribadeo reclama a recuperación das prazas perdidas no centro de saúde
Pola vía de urxencia foi aprobado no pleno celebrado onte no Concello de Ribadeo reclamarlle á Xunta un plan de recuperación dos cadros de persoal do Sergas, do reforzo da atención primaria e da mellora no rastrexo do covid-19. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que no centro de saúde ribadense hai menos profesionais agora que hai dez anos e que se reduciu nun 50% o cadro do persoal médico pasando de 6 a 3 facultativos, que de xeito puntual se reforzan con outra profesional do PAC. Ribadeo solicítalle á Xunta a recuperación das prazas perdidas así como a cobertura de todas as ausencias do persoal sanitario e sociosanitario.
Ademais da declaración dos festivos locais para o ano que vén que quedaron o día de San Roque, 16 de agosto, e o día da Patroa, o 8 de setembro, aprobaron un suplemento de crédito para ter efectivo para un convenio extraordinario que teñen que asinar con Acisa e tamén para poder adquirir un novo vehículo para a policía local.
Por unanimidade deixa sen efecto o acordo do Concello do ano 1939 no que se nomeou alcalde honorario ao ditador Franco. Decidiron aplicar a vixente lei de memoria histórica que indica que as Administracións Públicas debemos tomar as medidas oportunas contra os actos de exaltación da sublevación militar ou da ditadura.