O Concello de Ribadeo realiza melloras na pista de skate para solucionar deficiencias

O Concello de Ribadeo está a acometer melloras estes días na pista de skate. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, agarda que estean listas no prazo dunha catro semanas.
O edil ribadense considera que “o BNG ten que pedir perdón pola mala xestión da pista de skate. Saben que o fixeron mal, non foron capaces de inaugurar dita obra porque tiveron mil retrasos, mil empresas e nada ben feito. Cando chegamos ao goberno inspeccionamos e intentamos solucionar todo o que puidemos. Os técnicos supervisaron as obras, certificouse todo o que se puido para poder cobrar a subvención da Deputación de Lugo. De todo o que quedou mal fíxose informe para poder incautar a fianza. Esperamos o tempo marcado pola lei e agora é cando estamos arranxando todos os desperfectos”.
Silvent dixo: “somos conscientes das molestias ocasionadas, dos problemas que existen na pista e queremos pedir desculpas. Pero facemos todo o posible para que a pista de skate quede ben e mellorar todas aquelas cousas que nos encontramos en deficiente estado. Estamos mellorando o sistema de luz, substituíndo luminarias que xa están inservibles, arranxando detalles no mesmo chan dalgunha zona e substituíndo redes perimetrais por outras de maior grosor que sexan máis axeitadas para a súa instalación en exteriores. Tamén estamos arranxando e repoñendo a canastra, que por falta de lastre se rompeu este pasado verán”.
O concelleiro de Deportes agarda que “no prazo de 3 ou 4 semanas poidamos ter parte destes problemas arranxados e que todos os ribadenses poidan gozar da pista de skate no estado no que debería estar”.