O Concello de Ribadeo pon en circulación 200.000 Panchas, a súa moeda local

AMariñaXa
Ribadeo aprobó en pleno a dotación de 150.000 euros para el desarrollo de la nueva campaña de las panchas, la moneda local.
2023 ribadeo campaña Panchas 1
1 Out 2023

Os establecementos comerciais e hostaleiros que queiran adherirse á quinta edición da moeda local de Ribadeo poderán facelo do 1 ao 10 de outubro. O Concello porá en circulación 200.000 Panchas, que se poderán empregar nos negocios desde o 15 de setembro ao 31 de decembro. A nova campaña da Pancha foi presentada esta mañá nas Catro Rúas.

O alcalde, Dani Vega, dixo que “presentamos a campaña das Panchas, a nosa moeda local. Estamos tremendamente orgullosos de volver facer esta actividade de reforzo da nosa estrutura económica local. É un compromiso por parte do Concello de apoio a todo o tecido económico da nosa vila. Son 80.000 euros de reforzo e esta é unha boa forma de activar a economía local”.

O rexedor convidou a facerse coas Panchas e a mercar con elas: “invitamos a todos os visitantes a comprar as Panchas, a todas as veciñas e os veciños que as usen. É unha boa forma de colaborar, contribuír, apoiar o noso comercio local. É un compromiso co noso pobo, con Ribadeo”.

A concelleira de Comercio, Marta Saiz, explicou que “nesta edición poñeremos en circulación 200.000 panchas para trocar nos establecementos comerciais e de hostalería do municipio adheridos a esta campaña”

A edil ribadense contou que “ao igual que nas dúas últimas edicións, a compra e uso da moeda será mediante o Panchapeto, o moedeiro dixital habilitado para a campaña. Deste xeito, simplifícase e mellórase o uso da moeda podendo obtela en calquera lugar e a calquera hora a través dun dispositivo electrónico como o teléfono móbil ou o ordenador”.

Saiz relatou que “as características da campaña mantéñense, polo que por cada 30 euros obteranse 40 Panchas para consumir nos establecementos adheridos e cada persoa poderá adquirir un máximo de 400 Panchas. Mantense tamén o límite de 130 Panchas para gastar en cada compra nos establecementos, a partir desa cantidade deberá aboarse en euros a diferenza. Os establecementos que desexen participar na campaña deberán inscribirse do 1 ao 10 de outubro a través da web www.pancharibadeo.gal”.

Para a concelleira de Comercio “esta nova edición suporá unha estimulación da demanda de produtos e servizos de Ribadeo reactivando a economía local despois da época estival. Ao mesmo tempo, permite ás persoas consumidoras obter un aforro nas súas compras, que poderá ser acumulado a outras promocións ou bonos. O Concello de Ribadeo aposta polo economía local e con esta inversión agarda un retorno de máis de medio millón de euros para os comercios e a hostalaría e agarda que en futuras edicións se superen estas cifras, xa que prevemos seguir investindo neste tipo de accións”.

E engadiu que “a campaña, que está cofinanciada tamén pola Xunta de Galicia, estará aberta do 15 de outubro ao 31 de decembro, polo que nese prazo as persoas consumidoras poderán trocar as súas Panchas nos establecementos. A partir desa data a Pancha deixará de ter validez e non será reembolsable”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, declarou que “Acisa colabora un ano máis coa campaña da Pancha, organizada polo Concello. Farémolo prestando asesoramento a todas aquelas persoas ou negocios de Ribadeo que así o precisen desde a nosa oficina”. E subliñou: “é importante que se poñen en marcha e se manteñan este tipo de iniciativas nestes meses, que denominamos tempada baixa, para a dinamización do comercio e da hostalería locais. Queremos agradecerlle ao Concello de Ribadeo, que conte coa colaboración de Acisa”.

0.19525599479675