O Concello de Ribadeo investirá 120.000 euros no arranxo de varias escolas e no teleclub de Vilamariz

AMariñaXa
O Concello investirá 120.
29 Dec 2022

O Concello investirá 120.000 euros no arranxo das escolas de Noceda, Remourelle, Vilaosende, Vilaselán, Vilela e Vilaframil e tamén no teleclub de Vilamariz. Para levar a cabo esta importante actuación contará coa colaboración da Deputación de Lugo. Estas obras xa saíron a licitación , segundo informou o concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil.

O edil ribadense contou que “neste equilibrio que sempre queremos manter entre a vila a as parroquias, vamos dar un novo paso de impulso a todas as infraestruturas das parroquias, singularmente das Escolas e Teleclubs, na liña do que estivemos facendo nestes últimos anos coa súa modernización e mellora, xa que moitas das súas estruturas están demasiado vellas”.

"Nalgúns casos hai que mellorar as carpinterías de exteriores, noutros hai que pintar as fachadas, noutros hai que amañar por dentro e por fóra, noutros hai que eliminar as goteiras, noutros temos que meter mobiliario e nalgúns temos que meter todo isto”, di Villamil.

A Deputación de Lugo axuda a través dun convenio extraordinario de colaboración para sufragar unha parte moi importante destes 120.000 euros, que vai custar modernizar e amañar as Escolas de Noceda, Remourelle, Vilaosende, Vilaselán, Vilela e Vilaframil e tamén no teleclub de Vilamariz.

Xa se publicou na Plataforma de Contratos do Sector Público a licitación destas obras, que ascenden a 120.000 euros e contan cun prazo de execución de 4 meses. Así que agora, as empresas cualificadas para executalas teñen acceso a toda a documentación nesta web ou na do propio Concello de Ribadeo. E contan cun prazo de presentación de ofertas de 20 días naturais.

0.067944049835205