O Concello de Ribadeo intensifica a campaña de desratización en diferentes puntos da vila

O Concello de Ribadeo continúa coa campaña de control de roedores en distintos barrios e rúas da vila a través de novas actuacións de desratización coordinadas pola área de Medio Ambiente.
O concelleiro responsable do departamento, Diego Dos Santos, explicou que esta intervención corresponde á terceira campaña desenvolvida no que vai de ano, dentro das tarefas periódicas de control e prevención que leva a cabo o Concello.
Segundo indicou o edil ribadense, os traballos realízanse atendendo ás comunicacións e incidencias trasladadas pola propia veciñanza. “Imos actuando segundo os avisos que recibimos e coordinando os traballos cunha empresa especializada neste tipo de actuacións”, sinalou.
As actuacións céntranse estes días en varias zonas do casco urbano, entre elas as rúas Paco Lanza, Ibáñez, Fornos, Virxe do Camiño, Río de Amalló e Irmáns Moreno Ulloa, aínda que os traballos poderán ampliarse a outros puntos en función das necesidades detectadas.
Desde o departamento municipal de Medio Ambiente fan un chamamento á colaboración cidadá para poder actuar con maior rapidez e eficacia nos lugares onde se detecte presenza de roedores.
Neste sentido, Diego Dos Santos pediu ás persoas que observen este tipo de incidencias que contacten coa delegación municipal para facilitar información detallada sobre as zonas afectadas. O obxectivo, explicou, é recompilar datos que permitan planificar novas actuacións de desratización e reforzar o seguimento das áreas con maior incidencia.
O Concello lembra que este tipo de campañas forman parte das tarefas habituais de mantemento e salubridade urbana, destinadas a mellorar as condicións ambientais e evitar problemas derivados da proliferación de roedores.