O Concello de Ribadeo e Medio Rural estudan unha parcela para mellorar a capacitación dos gandeiros
Coa finalidade de afondar en vías de cooperación a prol do desenvolvemento rural de Ribadeo, reuníronse a conselleira do Medio Rural, María José Gómez e o alcalde, Daniel Vega.
Analizáronse posibles actuacións en materia de mellora tanto de infraestruturas, camiños rurais e pistas forestais, como de servizos como o matadoiro, co obxectivo de dinamizar os núcleos de poboación e favorecer a economía local. A maiores, tamén se avaliaron potenciais proxectos encamiñados á rehabilitación de fontes na localidade.
Para finalizar, tamén se estudaron dúas iniciativas dirixidas, por un lado á promoción dos produtos agroalimentarios de proximidade no ámbito educativo, e por outro a posibilidade de dispoñer dunha parcela experimental destinada a mellorar a capacitación dos gandeiros.