O Concello de Ribadeo aproba un orzamento de máis de 13 millóns de euros

AMariñaXa
Nas contas destaca a partida destinada a gasto social
Imaxe do Concello de Ribadeo
19 Dec 2024

O Concello de Ribadeo informa de que contará no 2025 cun orzamento de máis de 13 millóns de euros. Nas contas destaca a partida destinada a gasto social, segundo deu  a coñecer a concelleira de Facenda, Begoña Sanjurjo.

A edil de Facenda contou que “o Concello de Ribadeo está a punto de aprobar os orzamentos, e o noso Concello será, un ano máis, un dos primeiros da Mariña en facelo. O orzamento ascende no 2025 a máis de 13 millóns de euros, 700.000 máis que o do ano pasado”.

Sanjurjo explicou que “igual que no do ano anterior destaca o gasto social, con 1.200.000 euros invertidos no SAF (Servizo de Axuda no Fogar). Tamén se ampliaron as subvencións nominativas neste eido incluíndo unha achega ó Proxecto Home. No apartado de cultura aumentouse a colaboración coas distintas asociacións de veciños, organizadoras das actividades culturais e os festexos das parroquias e barrios”.

A concelleira ribadense subliñou que “é  un orzamento continuísta no que atoparemos a estabilización de servizos a través de contratos, como se debería facer sempre. Neste ano, grazas á xestión coa Consellería de Benestar conseguimos a achega de 700.000 euros para a reforma do Hospital asilo e así púidose finiquitar o préstamo que se pedira. En moitos casos, cando se pide unha subvención para unha obra a unha administración, o Concello ten que ter a capacidade de poñer a porcentaxe que lle corresponde senón perde a subvención, e por tanto a obra. Para dispoñer deses cartos pediuse un préstamo que asegurará moitas obras que están proxectadas”.

Begoña Sanjurjo engadiu: “Agradecemos a colaboración da Xunta que no anexo de inversións aporta máis dun millón de euros. Gustaríanos que a Deputación aportara tamén para poder facer proxectos entre as tres administracións como por exemplo o Plan de Deporte”. O pleno extraordinario no que se aprobará o orzamento de 2025 está convocado para este 20 de decembro, ás 19.30 horas no Concello de Ribadeo.

 

0.13444519042969