O Concello de Ribadeo aclara as críticas verquidas na seguridade da estrada do Faro
As dúas liñas de media tensión que hai na estrada do Faro, por onde discorrerá o carril bici, serán soterradas por Begasa. Iso ocorrerá cando cheguen os informes sectoriais solicitados pola empresa a varios departamentos da Xunta da Galicia, previos para que o Concello poida outorgar licenza de obras. Así o confirmou o alcalde, Fernando Suárez, despois das numerosas queixas veciñais.
O rexedor dixo que “levamos moito tempo planificando e tentando facer un Ribadeo máis agradable, máis humano e mais adaptado para todos e todas. Hai obras importantísimas en marcha que a cidadanía pode empezar a ver como están a cambiar para ben moitas zonas do noso concello. Hai unha delas, que nos leva custado moito de todo, como é o carril bici e todo o paseo que estamos a facer na estrada ao Faro, Vilaselán, etc. Moitos recursos económicos, moitos obstáculos administrativos, unha rescisión do contrato á anterior empresa adxudicataria, un incremento enorme de custos por mor da situación de alza dos materiais, etc. A pesar de todo isto estamos saíndo adiante con todo, e de feito contamos que todo poida estar listo e rematado a final de ano”.
Fernando Suárez comentou que “hai algún detalle que vemos que non nos está gustando como queda, pero, como todo nesta vida ten a súa explicación: hai dous postes de media tensión que non quedan en absoluto nada ben, agora que se foi mellorando e aglomerando o pavimento da estrada. Vai para 2 anos (desde xaneiro de 2021) que iniciamos os trámites pedíndolle á empresa eléctrica Begasa que os retirara ou recuara o espazo suficiente”.
O alcalde explicou que “neste caso, a empresa eléctrica si que tentou cumprir os nosos requirimentos, e solicitou varias autorizacións sectoriais. Por parte da Xunta de Galicia, veu un informe desfavorable para esta actuación, por entender que debera ser soterrada e non recuada. Seguidamente, a empresa Begasa solicitou o soterrado completo da liña. Para iso tivo que pedir varios informes sectoriais (Patrimonio, Augas, Costas e Industria), previos e teñen que ser favorables para que o Concello poida outorgar licenza de obras. A día de hoxe, varios deses informes aínda non chegaron. Unha vez todos cheguen favorablemente procederase a dar a licenza de obra e esta situación desagradable desaparecerá. O Concello continúa coas súas obras por mor de telas xustificadas antes do remate do ano para non perder a importante axuda da Deputación”.
Viario que vai á Illa Pancha
Suárez Barcia tamén se referiu ao treito de estrada que vai desde a praia de Rochas Brancas ata o Faro: “por outra banda, tamén hai un bocadiño de viario público, concretamente o que vai dar á Illa Pancha que non se está arranxando porque non é titularidade do Concello se non da Autoridade Portuaria. Tamén vai para dous anos que lles explicamos o que iamos facer polo que lle pediamos que actuasen de igual xeito. Estas a comunicacións foron reiteradas ao longo do tempo. Hai escasos días, desde a Autoridade Portuaria confirmáronnos que esas obras se executarán o mais axiña posible. Como di o dito, podemos facer posible o imposible, mais milagres aínda non facemos. Confiamos que en breve por parte de Begasa coma da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao cumpran os seus compromisos e todos estes obstáculos queden resoltos dunha vez por todas.
Escola de Rinlo
O alcalde ribadense manifesto: “outra das cousas que vimos nestas últimas horas foi que algunha persoa da asociación de veciños o Cantal, de Rinlo, puxo nas redes sociais unha serie de goteiras e humidades na Escola Municipal, logo de executar alí unhas obras. Como non podía ser doutro xeito, os técnicos municipais indicáronlle á empresa executora das mesmas que fora alí. O resultado que nos trasladan foi que unha claraboia quedou aberta, non se sabe como nin porque, e foi o motivo de que entrase a auga. Polo momento non detectaron ningunha vía mais de entrada de auga”.