O Concello de Ribadeo abre o prazo de inscrición para as actividades de verán dirixidas á infancia e á mocidade

AMariñaXa
Campamentos, colonias urbanas, noites deportivas e festas acuáticas compoñen unha ampla programación pensada para a conciliación e o lecer xuvenil
nenos-veran-piscina-sol
7 May 2025

A Concellería de Deportes e Mocidade do Concello de Ribadeo vén de abrir o prazo de inscrición para as actividades de verán, que se desenvolverán durante os meses de xuño, xullo e agosto. As persoas interesadas poden anotarse do 7 ao 14 de maio, presencialmente na Casa da Xuventude en horario de mañá (9:00 a 14:00 h) e tamén polas tardes os martes e xoves (16:00 a 18:00 h), ou a través da sede electrónica do Concello.

O concelleiro Francisco José Silvent explicou que o programa inclúe un campamento dixital gratuíto, organizado en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, destinado a nenos e nenas de entre 9 e 13 anos. Celebrarase do 23 ao 27 de xuño, e busca fomentar as competencias dixitais da rapazada.

Outra das propostas estrela serán as colonias urbanas, que se desenvolverán entre o 30 de xuño e o 1 de agosto para crianzas de 4 a 12 anos. Contarán con 100 prazas semanais e un prezo de 40 euros por semana. “Esta actividade está deseñada para facilitar a conciliación familiar e laboral durante o período estival, polo que contará cun horario ampliado, de 8 da mañá a 3 da tarde”, indicou Silvent.

A oferta complétase con dous campamentos en albergue, na Casa do Queixo de Grixalba (Sobrado dos Monxes): do 1 ao 7 de xullo para nados en 2011, 2012 e 2013; e do 21 ao 28 de xullo para mozos e mozas nados entre 2007 e 2010. O prezo de cada estadía é de 100 euros.

Ademais, durante o verán tamén se programarán as xa tradicionais noites activas, con actividades lúdico-deportivas nas pistas multideporte e no pavillón municipal: fútbol sala os días 14, 15 e 17 de xullo; humor amarelo os días 21, 22 e 24; baloncesto os días 4, 5 e 7 de agosto; e Lasertag os días 11, 12 e 14. Estas propostas serán totalmente gratuítas.

Como broche final, a programación inclúe unha festa acuática na praia dos Bloques, que contará con inchables acuáticos o 10 de xullo, e con deslizadores acuáticos do 18 ao 21 de agosto. Todas estas actividades na praia tamén serán de balde.

O 16 de maio farase pública a lista de persoas admitidas e o día 21 terá lugar o sorteo. A formalización das prazas e o pagamento das taxas realizarase do 27 de maio ao 3 de xuño. As vacantes que queden libres poderán solicitarse do 9 ao 16 de xuño, reservando os tres primeiros días para quen quedase sen praza no sorteo, e os seguintes para quen precise semanas adicionais.

⚙ Configurar cookies
0.14646601676941