O Concello de Pontenova súmase ás axudas para paliar os ataques de lobos

O Concello de Pontenova anunciou a súa adhesión ao programa de axudas destinadas á instalación de valados fixos para protexer o gando fronte aos ataques de lobos. Esta medida, promovida en colaboración coa Xunta de Galicia, busca apoiar os gandeiros locais e reforzar a seguridade das explotacións agrogandeiras.
As axudas estarán dispoñibles para persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras, como bovinos, ovinos, caprinos, porcinos de raza celta e equinos, que estean inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia.
O programa subvencionará dous tipos de instalacións, os valados fixos electrificados, cun importe máximo de 3,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 1.750 euros por valado (IVE non incluído). E os valados fixos con malla gandeira ou redes metálicas de caza, cun importe máximo de 4,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 4.500 euros por valado (IVE non incluído).
Ademais de sufragar parte dos custos, o Concello comprométese a ofrecer información e asesoramento técnico para facilitar a tramitación das solicitudes. Os interesados deberán cumprir os requisitos establecidos e presentar as súas solicitudes nos prazos indicados.
Esta medida insírese dentro do compromiso do Concello coa mellora das infraestruturas no ámbito rural, co obxectivo de garantir a sustentabilidade económica das explotacións gandeiras e reforzar o equilibrio ecolóxico da zona.
O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 23 de xaneiro.