O Concello de Ourol mellorará o pavimento da contorna do antigo colexio
O Concello de Ourol destinou un total de 13.500 euros, procedentes dun remanente dunha baixa no Plan Deputación do exercicio anterior, á mellora do pavimento na contorna do antigo colexio Vicente Casabella e das antigas vivendas dos mestres.
Esta actuación é esencial debido ao mal estado do firme, que dificulta o acceso a servizos importantes como a Casa Niño, os locais onde se desenvolve o programa Educando en Familia, o servizo de Correos e outros espazos de uso público.
Prevese que as obras estean rematadas a finais de febreiro, contribuíndo a mellorar a accesibilidade e a funcionalidade desta zona clave para a vida comunitaria do municipio.
Con esta intervención, o Goberno local reforza o seu compromiso co mantemento e a mellora das infraestruturas municipais.