O Concello de Mondoñedo pon en marcha a campaña de visitas guiadas á cova do Rei Cintolo
O Concello de Mondoñedo, coa colaboración da Federación Galega de Espeleoloxía, acaba de poñer en marcha a campaña de visitas guiadas á cova do Rei Cintolo do ano 2023.
No presente ano as visitas comezan sendo de fin de semana: os venres, sábados e domingos, ás 12.00 e ás 17.00 horas pasando a engadirse un grupo máis a partir do mes de abril, ás 18.30 horas
As visitas turísticas lévanse a cabo na Galería Central da cova sobre un percorrido de 300m que supón unha visita, dentro da cavidade, de 1h e 15minutos aproximadamente.
Pídese, para poder facer as mesmas, unha forma física normal, isto é, non ter problemas de mobilidade, lesións ou problemas cardiorespiratorios. Tamén é preciso facer reserva previa no teléfono da Oficina de Turismo de Mondoñedo 982 507 177.
É obrigado traer traer calzado cerrado con fondo de goma que evite esvaróns e recoméndase traer roupa que non importe manchar así como unha muda para despois da visita.
Dende o Concello proporcionarase casco con iluminación, luvas de protección e un traxe desbotable para sobrepoñer á roupa, así como os complementos de hixiene axeitados para cada un destes elementos. A idade mínima para entrar na cavidade é a partir dos 11 anos e o prezo da visita é de 15€/persoa.
A novidade do presente ano é que, tras a boa acollida do pasado ano, aumentan o número de días nos que se poderá facer visitas á zona do río. Un percorrido máis longo e complexo destinado a persoas cun nivel físico superior. Neste caso as primeiras oportunidades serán durante a Semana Santa.