O Concello de Lourenzá aclara a situación da Secretaría-Intervención e dos procesos administrativos

AMariñaXa
A Deputación xa asignou unha secretaria interventora accidental mentres se tramita a cobertura da praza vacante
concello-de-lourenza
7 Feb 2026

O Concello de Lourenzá emitiu un comunicado para aclarar a situación administrativa municipal tras as informacións publicadas recentemente nos medios de comunicación, co obxectivo de manter á veciñanza debidamente informada. Segundo explica o goberno local, a comezos do mes de xaneiro solicitouse con carácter urxente ao Servizo de Cooperación e Asistencia aos Concellos da Deputación Provincial apoio para garantir o exercicio das funcións de Secretaría-Intervención, debido á baixa da secretaria interventora titular.

Desde o Concello destacan a rapidez da resposta do ente provincial, que xa asignou unha secretaria interventora accidental procedente da Deputación. Esta profesional encárgase actualmente da tramitación diaria da actividade municipal e continuará prestando servizo ata que a praza se cubra a través dos mecanismos legais establecidos.

Paralelamente, o Concello de Lourenzá xa cursou a correspondente solicitude á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia para que se convoque unha praza de interino que permita cubrir o posto vacante da secretaria titular. O goberno local confía en que este trámite poida resolverse tamén no menor prazo posible.

No que respecta a outro dos asuntos administrativos pendentes, o Concello aclara que o proceso selectivo para cubrir a praza de administrativo continúa avanzando. Neste sentido, xa se solicitou á Deputación de Lugo a designación do tribunal cualificador, un paso que, segundo indican, quedará resolto en breve.

Desde o goberno municipal agradecen expresamente a colaboración da Deputación Provincial e reiteran o seu compromiso coa transparencia e co correcto funcionamento da administración local.

⚙ Configurar cookies
0.085047960281372