O Concello de Foz traballa na licitación do contrato de xestión da Residencia e Centro de Día

Foz
AMariñaXa

O Concello de Foz recibiu o borrador de convenio de xestión que inclúe a transmisión da propiedade do edificio da Residencia de Maiores e Centro de Día por parte da Xunta de Galicia.

12 ene 2023

O Concello de Foz recibiu o borrador de convenio de xestión que inclúe a transmisión da propiedade do edificio da Residencia de Maiores e Centro de Día por parte da Xunta de Galicia.

O alcalde, Fran Cajoto, informa que “neste momento a Secretaría e a asistencia xurídica do Concello están a estudar o borrador, para coa maior axilidade dispoñer o texto definitivo. O Concello de Foz está a facer os deberes, pois xa se realizou a contratación dunha asistencia técnica para estudar a documentación aportada pola actual empresa concesionaria e preparar o novo prego de licitación, que é o que nos corresponde”.

O rexedor municipal engade: “volvemos reiterar que atenderemos as peticións que sexan lexítimas, cos estudos técnicos necesarios. Somos moi respectuosos co diñeiro público e estamos atónitos ante a actitude do voceiro do Partido Popular. Non sabemos a que obedece este xeito de actuar. Non sabemos se o voceiro do PP fixo un cálculo económico e nolo pode remitir, porque nós estamos a facer un traballo serio e pedimos un pouco de respecto, que se debe basear na coherencia: onte pola tarde recibimos o borrador da Xunta e hoxe sae o voceiro do PP en prensa. Iso é o oposto á colaboración, non nos enganemos”.

Ademais o alcalde de Foz explica os pasos que está a dar o Concello: “no tocante á parte administrativa coa Xunta, estudo inmediato do borrador do convenio para asinalo á maior brevidade. No tocante ao contrato coa actual concesionaria, estudo da reclamación económica pola asistencia técnica xa contratada. No tocante á nova licitación, preparación de pregos por asistencia técnica e licitación unha vez se asine o convenio coa Xunta”.

E, para rematar, Fran Cajoto destaca que “o servizo está asegurado: é obriga da actual concesionaria continuar co contrato actual e así se lle trasladou. Seguimos sumando competencias impropias sen financiamento dunha Xunta de Galicia, que abandona ata o máis esencial, con 150 persoas en lista de agarda nunha residencia de só 40 camas. Nós imos ser responsables sempre”.