O Concello de Foz terá a titularidade do edificio da residencia de maiores e centro de día

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz acorda co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a cesión da titularidade do edificio da residencia de maiores e centro de día.
30 Dec 2022

O Concello de Foz acorda co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a cesión da titularidade do edificio da residencia de maiores e centro de día. O Concello reclamou a propiedade do edificio ante o abandono da Xunta das súas propias competencias, pero o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar obrigaba ao Concello a botar fóra aos actuais residentes e traballadores para xestionar o servizo, unha “liña vermella para o Concello que non estivemos dispostos a cumprir en ningún caso: sería ilegal e inmoral”, segundo manifesta o alcalde, Fran Cajoto.

O Concello de Foz mantivo unha reunión de traballo no edificio administrativo de San Lázaro co Xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Este encontro deriva da solicitude urxente de reunión que fixo o alcalde de Foz á conselleira de Política Social, Fabiola García. “Recibiunos o xerente do Consorcio por problemas de axenda da Conselleira, a pesar de que Fabiola Martínez en doce días hábiles que pasaron desde que solicitamos a reunión urxente o 14 de decembro, só tivo dous compromisos oficiais, os días 20 e o 21 de decembro, segundo a súa propia axenda institucional. Gustaríanos expoñerlle á conselleira a obriga legal e moral que ten a Xunta para xestionar unha residencia que é da súa competencia e da súa propiedade, onde os usuarios só pagarían como máximo o 80% da súa pensión. Gustaríanos arrincarlle un compromiso á conselleira para unha nova infraestrutura xa que a actual, con 40 prazas ocupadas e 150 persoas en lista de agarda para entrar, non cobre nin sequera minimamente as necesidades dun concello como Foz, pero non foi posible, unha vez máis”, explica Fran Cajoto.

O rexedor municipal engade que “foi unha reunión á que se sumou o voceiro do Partido Popular de Foz, Javier Jorge Castiñeira, nun xiro de guión” que o alcalde espera que “non sexa só verniz e se manteña no tempo, leal ás veciñas e veciños de Foz por diante dos intereses de partido. No pleno extraordinario rexeitou de forma directa, clara e rotunda, diante dos traballadores e familiares da residencia, colaborar co Concello e facilitar ningunha reunión pero o venres mudou de idea: esperamos que non fora só para saír na prensa”.

O alcalde de Foz demandou ao xerente do Consorcio financiamento anual para soster unha competencia que é da Xunta de Galicia, tanto no referente ao custo do servizo como do mantemento do edificio, pero a resposta foi negativa: “o escenario ao que nos empuxa a Xunta é a suba dos prezos a residentes e o incremento dos impostos municipais, xa que non hai compromiso de financiamento. O xerente do Consorcio comprometeuse unicamente a intentar conseguir unha partida de 20.000 ou 25.000 euros para instalacións do edificio, que esperamos que faga efectiva”. Ante a negativa do Consorcio a exercer as súas propias competencias, o alcalde solicitou, en nome do Concello e tal como se acordou no pleno do 21 de decembro, a propiedade do edificio e dos terreos da residencia, “para, cando menos, poder xestionar o servizo con previsión e seguridade xurídica. Queremos resolver este problema de forma definitiva, de aí que solicitaramos a propiedade do inmoble. O compromiso do Consorcio é pasarnos a principios de xaneiro un borrador de convenio por 4 anos que inclúa a cesión da titularidade do edificio antes da finalización do convenio”, explica Fran Cajoto.

“Asumimos obrigados este novo convenio para que o Consorcio teña tempo suficiente neste período para transmitirlle ao Concello de Foz a titularidade da residencia, compromiso que solicitamos, por suposto, por escrito. Axilizaremos no posible a licitación do servizo unha vez o Consorcio prepare a documentación necesaria, coa máxima clara de traballar por Foz e cumprir coas veciñas e veciños ante o abandono da Xunta das súas propias competencias nun edificio que de momento segue a ser da súa propiedade”, remata o alcalde.

0.19812798500061