O Concello de Foz levará a aprobación o orzamento municipal deste ano

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz presenta o orzamento municipal no pleno da corporación local que se celebrará mañá, xoves, día 1 de xullo.
casa do concello de foz
casa do concello de foz
30 Xuño 2021

O Concello de Foz presenta o orzamento municipal no pleno da corporación local que se celebrará mañá, xoves, día 1 de xullo. A concelleira de Facenda e tenente de alcalde, Inés López Couto, destaca que “é un orzamento das persoas para as persoas. Nun ano complicado segue apostándose fortemente polos servizos sociais, así como nos investimentos para mellorar a vida dos habitantes de Foz, tan necesarios para que o concello siga mellorando día a día”.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “Foz presenta uns presupostos equilibrados entre ingresos e gastos, ascendendo estes últimos a 8.165.391,52 euros, a pesar da merma na recadación coa derrogación de ordenanzas fiscais coma a de terrazas para o apoio ao sector da hostalería local. Grazas á suspensión de aplicación da regra de gasto o Concello de Foz non está suxeito ao cumprimento da mesma así coma do Plan Económico Financeiro que tería que levar a cabo; isto permítenos investir todo o orzamento sen que se deixen recursos sen utilizar, apostando pola mellora da calidade de vida das veciñas e veciños de Foz, con investimentos tan importantes coma os dos terreos da EDAR ou as achegas municipais ás obras do Plan Único 2021, que son as maiores dende que se iniciou o plan. Outro investimento moi importante son os 69.200 euros que se reservan para a renovación da tubaxe de abastecemento na rúa Eduardo Pondal, en fibrocemento e que tivo sucesivas roturas durante o ano 2020”.

No eido social no ano 2021 as axudas de emerxencia social continuarán sendo de 1.000 euros, a aquelas familias que máis o necesiten, ademais de continuar apostando polo Banco de Alimentos, para que os produtos que reparten poidan chegar a todas aquelas familias que o necesiten. Así mesmo está en tramitación o expediente para a contratación da prestación do Servizo de Axuda no Fogar na súa modalidade de dependencia, para o que se incrementa a partida orzamentaria.

Inés López engade que “outra das partidas máis importantes é aquela referente á persoal para cubrir necesidades do Concello: incluímos unha partida de case 190.000 euros, que incrementada cos preto de 90.000 que se inclúen no fomento do emprego do Plan Único, intentarán cubrir necesidades municipais de persoal en época de verán e para mellorar os servizos ofertados. Tamén esperamos que poidan contribuír a ofrecer un traballo e aprendizaxe a todas aquelas persoas que necesiten ou queiran formar parte do equipo do Concello de Foz”.

Tamén se inclúe a partida orzamentaria para cubrir gastos da Asociación Protectora de Animais de Foz, por importe de 4.000 euros, e para a ACIA de Foz, por 30.000 euros.

A concelleira de Facenda indica tamén que “traballamos codo a codo coa Intervención municipal para que o orzamento puidera saír adiante, intentando que nel se reflicta a realidade municipal e sendo honestos cos compromisos adquiridos con todas as focegas e focegos.”

Fran Cajoto sinala que “con paso lento pero seguro estamos saíndo dunha pandemia que o condicionou todo. Os concellos temos a obriga de poñer o foco nas persoas, investir nas necesidades reais: sen grandes alardes pero con honestidade, con ambición pero tamén con sentido común. Este ano puidemos incluír máis de 450.000 euros de investimentos con fondos propios, o que, sumado ao plan de emprego e ás actuacións que estamos a facer con persoal do Concello, supoñen unha firme aposta polas melloras de Foz, tanto no casco urbano como nas parroquias ”.

0.18241405487061