O Concello de Foz leva adiante unha bonificación ás familias numerosas no IBI

Foz
AMariñaXa
A concelleira de Facenda pídelle ao PP a “non dar datos ao chou escollidos dos informes sen lelos despois das afirmacións erróneas do líder da oposición"
casa-do-concello-de-foz
30 Ago 2024

A concelleira de Facenda de Foz, Inés López Couto, pídelle ao PP a “non dar datos ao chou escollidos dos informes sen lelos despois das afirmacións erróneas do líder da oposición, o señor Castiñeira”, sobre o imposto de bens inmobles (IBI). “Sabemos que os datos dos informes poden utilizarse de forma neglixente, pero neste caso é unha barbarie. Os datos da tesourería indican que a recadación prevista para o 2025 é de 2.847.754 euros fronte aos 2.833.975,16 euros previstos para este ano. O incremento é de só 13.779 euros, un 0,5 % máis, e non o que di o líder da oposición dun 3,8 %. Son datos e hai que dalos e non malinformalos”, explica Inés López Couto.

A concelleira de Facenda manifesta ademais que Javier Castiñeira “subiu o IBI de forma lineal máis dun 50 %, no peor da crise do ladrillo, cando peor o estaban a pasar as familias. Ademais a nós nunca se nos ocorrería inventarnos unha bonificación que estivera fóra da lei, tal e como prometeu o 14 de abril de 2023 o señor Castiñeira, indicando que ía bonificar aos empadroados, o cal está fora de toda normativa e aínda non nos explicou a que punto da lei se ía acoller”.

Inés López Couto apela á progresividade e á xustiza social, “por iso a proposta establece unha bonificación ás familias numerosas en función dos seus ingresos, tal e como marcamos no programa electoral. Igualar os tipos serve para que os veciños do rural non se vexan prexudicados.” A edil de Facenda comenta tamén: Sexamos serios. Unha subida no tratamento do lixo a metade de curso como fixo Sogama (os custes increméntanse máis dun 33 %) sen ningún aviso e cando o orzamento xa está aprobado, moi por riba da subida das taxas do lixo que non chegarán para pagar este incremento, é un ataque sen escrúpulos á administración máis pequena, que son os concellos”.

0.19700002670288