O Concello de Foz inviste máis de 290.000 euros en obras de mellora de viais
O Concello de Foz inviste máis de 290.000 euros en obras para mellorar viais do casco urbano da vila e das parroquias.
O Concello de Foz continúa coa mellora de distintas rúas e camiños en todo o concello, con contratos en distinta fase de avance. O rexedor municipal destaca que “remataron as obras de mellora de viais en parroquias con aglomerado en quente: en Fazouro -Rúa e Morgallón-, en Nois -Porto e zona apeadoiro-, en Marzán -Rúa de Francia e a Báscula-, en Vilaxoane -Camiño de Mansín- e en Santa Cilla -Vilacizal e no Chao- por 84.458 euros, con cargo ao Plan Único da Deputación do ano 2021. Cos remanentes do Plan Único do 2021 no contrato de camiños -9.270 euros- imos asfaltar varios viais tamén en Foz: estamos a optimizar a xestión dos recursos, no anterior mandato non había remanentes para facer máis obras”.
O alcalde resalta tamén “a resolución da adxudicación por case 137.000 euros da mellora en distintas rúas do casco urbano con cargo a fondos do Plan Único do 2022 á empresa Construcciones Isidro Otero SL. E en fase de presentación de ofertas están tamén varios camiños en San Martiño e Santa Cilla, neste caso con cargo a fondos do Agader. Nun breve prazo sacaremos tamén a licitación as obras de mellora de viais nas parroquias proxectadas con cargo a fondos do Plan Único do ano 2022. Estamos a traballar de forma seria e responsable para mellorar as nosas infraestruturas”.
Fran Cajoto especifica que “finalizaron as obras de mellora de viais con aglomerado en quente en Fazouro -Rúa e Morgallón-, Nois -Porto e zona apeadoiro-, Marzán -Rúa de Francia e a Báscula-, Vilaxoane -Camiño de Mansín- e Santa Cilla –Vilacizal e no Chao- por un total de 84.458 euros con cargo ao Plan Único da Deputación do ano 2021. Comezarán en vindeiras datas as obras de limpeza de cunetas e asfaltado con dobre tratamento superficial de rego con gravilla en viais municipais en zahorra que desembocan na estrada Rapadoira-Llas, Pintor Laxeiro e Avenida de Asturias, cun orzamento de 9.269,87 euros con cargo a remanentes do Plan Único da Deputación do ano 2021. E foron adxudicadas por 136.666,68 euros as obras de mellora en viais urbanos con aglomerados en Vilaxoane -Caínzal (praza da Pena) e rúa de Redondo-, pavimentación con formigón impreso en canellón de Curros Enríquez e camiño a Avenida de Breogán, beirarrúas, aglomerado e separación peonil na rúa Camiño Real desde as Torres ao cámping de Llas, aglomerados na rúa Río Masma, cruce Mariñeiro Chila-Sarria e Avenida de Viveiro e rúa Pena Parda, en Marzán, con cargo a fondos do Plan Único da Deputación do ano 2022. E está en licitación por 59.655,22 euros a mellora de camiños municipais nos barrios de Mourente, en San Martiño, con aglomerado en quente, e na Folgosa e no Chao, en Santa Cilla, con dobre tratamento superficial de rego con gravilla, con cargo a fondos do Agader”.