O Concello de Foz impulsa un novo mural para recuperar a tradición artística da vila

Foz
AMariñaXa
A obra, encargada ao artista valadourés Xosé Blanco, renderá homenaxe á identidade agrícola e mariñeira do municipio e inspirarase en versos de Manuel María
Foz-futuro-mural-Eduardo-Pondal-Salvador-Madariega-
28 Oct 2025

O Concello de Foz vén de anunciar a creación dun novo mural artístico na fachada do edificio de Telefónica, na confluencia das rúas Salvador de Madariaga e Eduardo Pondal. A iniciativa, segundo explicou o alcalde Fran Cajoto, “xorde coa idea de recuperar a tradición muralista de Foz, que deu lugar a obras emblemáticas que aínda hoxe forman parte da nosa memoria colectiva”.

O rexedor lembrou que “grazas ao talento dos artistas daquel momento, naceron auténticas marabillas como o mural Rente ao mar, no peirao de Foz; As pescantinas, semi agochado entre a fábrica de xeo e a Confraría de Pescadores; ou o mural que preside o vestíbulo do CEIP Nº 1”. Con esta nova creación, o goberno local quere “escoitar esa mesma linguaxe plástica nun punto emblemático da vila, nun edificio que actúa como porta de entrada ao barrio máis tradicional de Foz e que agora presenta un impacto visual negativo”.

“Cremos que esa fachada é o lenzo perfecto”, destacou Cajoto, quen subliñou que o Concello propuxo ao artista Xosé Blanco, natural do Valadouro e compañeiro de Xosé Vizoso, “a creación dun mosaico que conxugue as dúas almas de Foz: a agrícola e a mariñeira”. O propio Blanco decidiu inspirarse na obra do poeta de Outeiro de Rei Manuel María, concretamente no seu poemario Versos florecidos en loubanza de Foz, para dar forma ás dúas propostas de mural que presentou ao Concello.

O goberno local xa iniciou os trámites necesarios para facer realidade o proxecto. “Contamos coa autorización de Telefónica para empregar a fachada, e incluso se retirou unha das dúas baixantes para aproveitar todo o espazo dispoñible”, explicou o alcalde. Ademais, o Concello está en contacto con Begasa para retirar o cableado que discorre pola parede e con R, para recolocar un armario de telecomunicacións situado nese punto.

Segundo adiantou Cajoto, “Xosé Blanco presentou dúas alternativas e vainos custar escoller, porque ambas desprenden beleza e emotividade”. A previsión é que o mural estea concluído nas próximas semanas e que pase a formar parte do patrimonio artístico e sentimental da vila.

“Esta obra servirá para embelecer o pobo e, sobre todo, para render homenaxe aos nosos devanceiros, a todas esas persoas que traballaron tanto para que Foz saíra adiante, especialmente no campo e no mar”, concluíu o alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.070080041885376