O Concello de Foz destina 13.500 euros para consolidar o servizo de Madrugadores nos colexios públicos

O Concello de Foz consolidará o servizo de Madrugadores nos tres colexios públicos do municipio mediante unha nova liña de subvencións destinada ás asociacións de nais e pais. O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, mantiveron unha reunión de traballo coas ANPAS dos colexios Fondo Nois, CEIP Número 1 e O Cantel para trasladarlles a aposta do goberno municipal por este servizo.
Segundo explican desde o Concello, o obxectivo é “facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo unha atención educativa e segura ao alumnado antes do inicio da xornada lectiva, proporcionando un espazo de acollida adaptado ás súas necesidades”.
Por primeira vez, os orzamentos municipais incorporan esta achega dentro das subvencións nominativas. En total, o Concello destinará 13.500 euros, repartidos en subvencións de 4.500 euros para cada unha das tres ANPAS, coa finalidade de que “o servizo sexa asequible para todas e todos”.
A concelleira de Educación explicou que a reunión se convocou con suficiente antelación ao comezo do próximo curso escolar para avanzar na organización do servizo. “Promovemos esta reunión para traballar con antelación suficiente antes do inicio do curso escolar. As ANPAS están a facer un traballo importantísimo, xestionando un servizo que permite conciliar as responsabilidades familiares coa actividade laboral, facilitando a vida diaria a moitas persoas. Na reunión abordamos a parte administrativa e os trámites que conleva unha subvención. Trasladáronnos tamén outras necesidades: teño que dicir que as tres asociacións de nais e pais están moi implicadas na mellora das condicións dos seus centros educativos e no Concello van a encontrar sempre apoio”, sinalou Elena Martínez Pena.
Pola súa banda, o alcalde, Fran Cajoto, lembrou o labor desenvolvido por Héctor Moris, quen ocupou a Concellería de Educación ao inicio do seu primeiro mandato. “Pola lexítima demanda e o esforzo das ANPAS e grazas ao compromiso de Héctor Moris, iniciouse a colaboración do Concello de Foz co servizo de madrugadores nos tres colexios públicos. Eu mesmo levei tamén un tempo a carteira e teño que dicir que con este modelo, que nos recomendou a Secretaría, vamos consolidar un servizo que consideramos fundamental e que incluímos sempre no noso programa”, manifestou.
O rexedor municipal tamén defendeu que o financiamento deste servizo “debería partir da Xunta de Galicia, titular de Educación, pero non está a apostar por este servizo”. Ademais, reclamou novas actuacións da Administración autonómica nos centros educativos do municipio. “Tamén demandamos, despois das necesarias inversións nos colexios Fondo Nois e CEIP Nº 1, que a Xunta invista en necesidades urxentes do CEIP O Cantel, que conta cunha marquesiña en moi mal estado de conservación”, concluíu.