O Concello de Foz comprará os terreos da nova EDAR

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz consignará case 90.000 euros no orzamento municipal para comprar os terreos da nova edar.
ALCALDE DE FOZ XUNTO a ACTUAL EDAR
ALCALDE DE FOZ XUNTO a ACTUAL EDAR
19 Maio 2021

O Concello de Foz consignará case 90.000 euros de fondos propios no presuposto municipal deste ano para a compra dos terreos da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). Anunciouno o alcalde, Fran Cajoto, que solicita á Xunta de Galicia que axilice a aprobación do anteproxecto e estudo de impacto ambiental  “dunha infraestrutura que debería estar en funcionamento xa desde o ano 2020 segundo o convenio asinado no 2016”.

O rexedor municipal explica que “en Foz é máis necesaria ca nunca unha nova depuradora:  non podemos coidar unha ría cualificada como LIC e ZEPA, de tanta importancia medioambiental, sen unha infraestrutura con capacidade suficiente para tratar as augas residuais de Foz.  Debemos recordar que a nova EDAR será financiada ao 80 % por fondos europeos, dentro do programa operativo FEDER GALICIA 2014-2020. Tendo en conta que coa prórroga establecida de 3 anos para estes fondos  a xustificación final deberá realizarse antes de decembro do 2023 e que xa transcorreu a metade do 2021, só restan 2 anos e medio para cumprir con Europa”. 

Fran Cajoto engade que “dentro destes 2 anos e medio debemos incluír a licitación do proxecto construtivo e da obra, a redacción e aprobación do proxecto construtivo, a execución da infraestrutura e a posta en funcionamento da nova EDAR. Iso sen contar que aínda está pendente a  aprobación final do anteproxecto e o estudo de impacto ambiental, a aprobación en pleno, a compra dos terreos unha vez se aprobe definitivamente o anteproxecto e todos os requisitos que conleva un proxecto destas características: hai demasiado pouco tempo”.

Ademais o alcalde destaca que “aínda que a ubicación escollida para nós non é a óptima, estamos colaborando en todo o necesario para que Foz non perda a oportunidade de contar con esta infraestrutura tan necesaria” e incide na importancia do proxecto construtivo, que deberá redactar a mesma empresa que faga as obras de construción: “o idóneo sería que a empresa redactora do proxecto construtivo fora completamente independente da que execute a obra. A Xunta de Galicia non pensou iso e a todas luces errou. O adxudicatario do contrato podería optar por facer un proxecto con solucións máis económicas e non as mellores tecnicamente. Non é cousa menor, por iso solicitamos a Augas de Galicia que nos permita formar parte da supervisión do proxecto construtivo”. 

Cajoto explica tamén que “outras das cuestións que se propuxeron en distintas reunións con Augas de Galicia foi a integración do tanque de tormentas -a executar na explanada do peirao- co entorno, así como a recuperación da nave na que está a actual EDAR, demolendo só parte -e non toda a estrutura actual- poderíase recuperar a nave para usos municipais: creemos que se deben optimizar os recursos, sobre todo nos tempos actuais. A integración da nova EDAR en Forxán e o seu impacto tanto na parte visual como nos posibles cheiros é outra das cuestións que debe tratar o proxecto construtivo máis a miúdo, para o que os veciños piden unha infraestrutura completamente cuberta”. 

“Agardamos a aprobación do anteproxecto e estudo de impacto ambiental para poder executar a parte do convenio que nos corresponde dunha infraestrutura tan necesaria”, remata o alcalde.

0.18207812309265