O Concello de Foz asumirá a titularidade da residencia e o centro de día en menos de dous meses

Foz
AMariñaXa
O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar formalizará a cesión anunciada tras unha reunión en Santiago co alcalde Fran Cajoto e a concelleira Ana Rojo
Concello-de-Foz-2025
O alcalde de Foz e o concelleiro de Festas xunto cos organizadores da romaría
10 May 2025

Nun prazo inferior a dous meses, o Concello de Foz recibirá en propiedade a residencia e o centro de día, ata agora xestionados polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Así o confirmou o xerente do organismo autonómico, Perfecto Rodríguez, nunha reunión mantida este xoves en Santiago co alcalde focense, Fran Cajoto, e coa concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo.

“Mantivemos unha xuntanza da comisión mixta de seguimento do convenio entre o Concello e o Consorcio, á que asistiron tamén os servizos xurídicos de ambas entidades. Foi convocada a petición do propio Concello, que a solicitara o pasado 11 de febreiro. Alí comunicáronnos que xa teñen toda a documentación preparada e que, conforme ao pactado, se realizará a transferencia da propiedade nun prazo inferior a dous meses”, explicou o rexedor.

Cajoto aproveitou para criticar a falta de resposta da conselleira de Política Social, Fabiola García, á que solicitou unha reunión en reiteradas ocasións: “É inaceptable que despois de tantos anos non tivera a deferencia de recibirnos. A Consellería adebeda ao Concello máis de 700.000 euros anuais polo servizo de axuda no fogar e pola residencia e centro de día. É urxente sentarse e buscar solucións, como por exemplo concertar prazas da residencia municipal, algo que a Xunta xa fai con entidades privadas”.

O alcalde denunciou tamén unha actitude de abandono por parte da Xunta no tocante aos coidados dos maiores e puxo como exemplo o recente bloqueo á adxudicación da xestión da residencia en Foz, apoiado por PP e BNG: “A proposta era por 2.012,92 euros mensuais para usuarios de grao III, con IVE incluído, e cun sistema de axudas para persoas sen recursos. Mentres tanto, en Castro de Rei, gobernado polo PP, licítase a xestión cun custo de 2.184,52 euros. A media da pensión en Foz é superior á de Castro de Rei, segundo o IGE. A comparación deixa claro que aquí hai algo que non encaixa”.

⚙ Configurar cookies
0.07226300239563