O Concello de Foz abre as inscripcións para un novo curso das Escolas Deportivas Municipais

Foz
AMariñaXa
Patinaxe, ximnasia rítmica, kickboxing, voleibol, deportes de raqueta, fútbol sala, coreodance, cerámica e pintura forman parte da oferta desta tempada
Imaxe recurso deportes
24 Sep 2025

O Concello de Foz pon en marcha un novo curso das Escolas Deportivas Municipais, que dará comezo en outubro, ofrecendo unha ampla variedade de actividades deportivas e de lecer pensadas como instrumento de educación en valores. “A través do deporte e das actividades culturais, pretendemos fomentar hábitos saudables e a aprendizaxe de valores como a colaboración, a responsabilidade e o esforzo”, explican desde o propio Concello.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o 3 de outubro, a través da sede electrónica ou presencialmente no rexistro municipal, situado na Avenida Álvaro Cunqueiro, 24. O custo mensual será de 20 euros por unha actividade, ou 25 euros para dúas ou máis actividades.

O programa de actividades é amplo e adaptado a diferentes idades e niveis. A patinaxe artística celebrarase no Pavillón CEIP O Cantel, cos grupos A, B e C os luns de 17:30 a 20:30 horas, o grupo D os mércores de 19:30 a 20:30 horas e o grupo E os xoves no mesmo horario. A ximnasia rítmica terá lugar tamén no Pavillón CEIP O Cantel os martes, co grupo A de 17:00 a 18:00, o grupo B de 18:00 a 19:00 e o grupo C de 19:00 a 20:00.

O voleibol impartirase no Pavillón CEIP Nº1 os luns de 17:00 a 18:30 horas, mentres que os deportes de raqueta desenvolveranse no mesmo pavillón os martes de 17:00 a 18:00 horas. Os máis pequenos poderán participar en Coreodance Kids no Pavillón CEIP Nº1 os xoves de 17:00 a 18:00 horas. A cerámica celebrarase no Centro Social, cuarta planta, os xoves de 17:45 a 19:15 horas, mentres que o fútbol sala terá lugar no Pavillón CEIP O Cantel os mércores de 18:30 a 19:30 horas. As clases de debuxo e pintura están pendentes de confirmar o día, e o alumnado inscrito será avisado proximamente. Finalmente, o kickboxing terá lugar no Pavillón Torques de Marzán os martes de 17:30 a 18:30 horas, iniciándose a actividade o 7 de outubro, data na que o alumnado deberá acudir ao pavillón.

Estas Escolas Deportivas Municipais constitúen unha oportunidade ideal para que nenos e nenas practiquen deporte, desenvolvan habilidades artísticas e sociais e aproveiten o tempo libre de forma saudable e educativa.

⚙ Configurar cookies
0.10419678688049