O Concello de Cervo pecha a primeira quenda dos cursos da Piscina Olímpica con alta participación infantil

O Concello de Cervo despide esta semana a primeira quenda dos cursos da Piscina Municipal Olímpica, unha actividade formativa que contou coa participación de arredor de 80 nenos e nenas, repartidos en distintos niveis segundo a súa idade e coñecementos. A elevada demanda destes cursos non se detén, xa que a vindeira semana dará comezo unha nova quenda con outro número similar de participantes.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ás instalacións municipais para participar no acto de clausura e facer entrega dos diplomas acreditativos. Durante a súa intervención, destacou a boa acollida que teñen estas actividades ao longo de todo o ano, lembrando que “no conxunto do curso superamos os 200 cursillistas, entre nenos e adultos, o que demostra o interese da veciñanza por este tipo de propostas”.
No transcurso do acto, cada neno e nena recibiu un diploma e un pequeno agasallo como recoñecemento ao esforzo realizado, á evolución acadada e aos obxectivos conseguidos durante os meses de formación. A rexedora felicitounos polo traballo desenvolvido e animounos a continuar practicando deporte.
Os cursos infantís están organizados por niveis, atendendo tanto á idade como ás habilidades acuáticas do alumnado. No caso das persoas adultas, a oferta inclúe clases de natación e sesións de aquagym, adaptadas ás capacidades e necesidades de cada grupo.
García Caramés puxo tamén en valor que a piscina municipal conta xa con máis de 850 socios e socias, un dato que, segundo indicou, confirma que “esta instalación está plenamente consolidada como un espazo de saúde, aprendizaxe e lecer para todas as idades”. A alcaldesa agradeceu finalmente a implicación das familias e o labor do equipo de monitores e monitoras pola súa profesionalidade.