O Concello de Cervo organiza faladoiros sobre a xestión emocional da enfermidade e o duelo

O Concello de Cervo, en colaboración coa Asociación de Xubilados Terramar, organiza dous faladoiros destinados a abordar cuestións emocionais relacionadas coa enfermidade e o duelo. Estas sesións desenvolveranse na Casa do Mar e serán impartidas pola coach de saúde emocional Susana Vázquez Fernández.
A primeira charla, titulada "Xestión emocional da enfermidade", terá lugar o martes 11 de febreiro ás 18:30 horas. Nesta sesión trataranse aspectos como a relación corpo-mente-alma, ferramentas para afrontar o proceso da enfermidade e o papel dos coidadores.
O segundo faladoiro, programado para o martes 11 de marzo, centrarase no tema "O duelo e a perda". Os asistentes poderán afondar no significado do duelo, a súa repercusión emocional e diferentes estratexias para xestionalo de maneira saudable.
Ambas as charlas están abertas a toda a poboación e buscan proporcionar apoio e recursos para afrontar estas situacións con maior comprensión e acompañamento.