O Concello de Cervo mellora as dúas pistas municipais de pádel
O Concello de Cervo mellora as dúas pistas municipais de pádel situadas no complexo deportivo da Veiga. O edil de Deportes, David Rodríguez, achegouse ata as instalacións onde puido comprobar in situ o resultado dos traballos que consistiron na instalación de lonas de PVC que permiten dotar a instalación de opacidade favorecendo as condicións do xogo “que non ser verá condicionado por factores meteorolóxicos externos, como o sol ou o vento que é moi habitual nesta zona”.
Ademais, tal e como explicou Rodríguez, vimos de realizar traballos de mantemento nos dous terreos de xogo “redistribución da area, verificación das xuntas e unha limpeza profunda para manter estas instalacións públicas na mellor das condicións”.
Ao mesmo tempo –engadiu- vimos de habilitar un vestiario que poderá ser utilizado por todas as persoas usuarias do complexo deportivo.
Estes traballos “cos que conseguimos dar un salto de calidade ás nosas instalacións”, súmanse á dixitalización do proceso de reservas que levamos a cabo recentemente a través do enlace https://reservas.concellodecervo.com/, simplificando o procedemento para as persoas usuarias que practican este deporte.