O Concello de Cervo leva o saneamento ao lugar da Pena, na parroquia de San Román de Vilaestrofe
O Concello de Cervo inviste preto de 50.000 euros -48.201,39 concretamente- procedentes das arcas municipais para levar o saneamento ao lugar da Pena, na parroquia de San Román de Vilaestrofe.
O rexedor, Alfonso Villares, a tenente alcalde e a edil de Obras, Dolores García Caramés e Mali Méndez, respectivamente, desprazáronse ata a zona para supervisar o inicio dos traballos que arrincaron esta semana, acompañados polo pedáneos da zona, Antonio Vila e Plácido Pérez.
A actuación, que consiste no soterramento das canalizacións de saneamento, e na pavimentación dos tramos afectados, permitirá achegar o saneamento ás diferentes vivendas e deixarase xa a rede preparada para favorecer a súa ampliación no futuro.
Villares apuntou que se trata dunha actuación importante para a veciñanza deste núcleo, “son obras que non se ven, que están soterradas, pero que son moi necesarias para seguir a mellorar a calidade de vida dos cervenses”, neste caso en beneficio daqueles que viven no rural, e para nós é primordial que “as inversión cheguen a cada recuncho do noso municipio que o precise, e dende o Concello traballamos decididamente para elo”, engadiu.