O Concello de Cervo impulsa espazos cardioprotexidos con formación en desfibriladores
Imparten un curso de uso e manexo do desfibrilador semiautomático entre o persoal dos dous centros que xestiona a asociación Saúde Mental A Mariña no Concello de Cervo. A rexedora, Dolores García Caramés e o concelleiro, Adrián Arias, asistiron á clausura da formación de cinco horas de duración no que participaron 24 profesionais, que despois destas sesións ampliaron e perfeccionaron os seus coñecementos para poder actuar con eficiencia ante calquera situación de patoloxía coronaria que se poida producir entre as persoas usuarias.
Así mesmo, o Concello de Cervo tamén instalou un DESA en cada un dos centros –tanto no da Senra, como no da Praza dos Souto- que estarán xeolocalizados polo 061 e serán dispositivos de acceso público dispoñibles as 24 horas ao día para dar servizo a toda a cidadanía ao mesmo tempo, creando dous noso espazos cardioprotexidos.
O persoal da asociación recibiu formación teórico-práctica para poder dar resposta ante as principais situacións de urxencia-emerxencia “co obxectivo de buscar a máxima seguridade e a excelencia no trato ás persoas usuarias”.
Tal e como apuntou a alcaldesa, manteñen unha interlocución constante con esta asociación e co seu cadro de persoal co que colaboran en todo o que está na súa man; “A programación deste curso e a dotación dos desfibriladores, son pois unha forma máis de contribuír á mellora da calidade do servizo”. O curso homologado está avalado pola Sociedade Europea de Reanimación e polas Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES).