O Concello de Cervo dotará ao Burgo de Trasbar dun sistema público de abastecemento de auga

AMariñaXa
O Concello de Cervo destina medio millón de euros para dotar ao Burgo de Trasbar dun sistema público de abastecemento de auga.
150323 reunión veciñanza Trasbar cervo
150323 reunión veciñanza Trasbar cervo
15 mar 2023

O Concello de Cervo destina medio millón de euros para dotar ao Burgo de Trasbar dun sistema público de abastecemento de auga. Trátase dun proceso complexo e que require de varias fases, das cales xa foron executadas nestes últimos anos dúas, o tramo que vai desde a Senra ata a Igrexa de Castelo, e desde a mesma Igrexa ata a mesma entrada do Burgo.

Este tema foi un dos asuntos abordados nun encontro que mantiveron o rexedor, Alfonso Villares, e a tenente alcalde e a edil de Medio Ambiente, Dolores García Caramés e Mali Méndez, respectivamente, coa veciñanza do burgo no Local Social.

O rexedor explicou que con carácter inminente xa se van retomar os traballos porque xa contamos con orzamento previsto para abordar a seguinte fase cuxo orzamento ascende a 150.000 euros, froito dun convenio subscrito con Sogama.

Este proxecto segue a liña argumental do equipo de goberno de levar o abastecemento de auga e saneamento a todos os puntos da xeografía municipal, tentando equilibrar a balanza de condicións das zonas rurais coas urbanas.

Villares precisou que “levamos xa un tempo traballando conxuntamente na posta en marcha desta prestación para que os habitantes da zona rural de Trasbar podan acceder a este servizo público en condicións de calidade e seguridade”.

Desde o noso equipo de goberno –engadiu- traballamos para chegar a todos os puntos da xeografía do noso municipio e tentar equilibrar o nivel de servizos das zonas rurais coas zonas máis urbanas”.

Por último, o alcalde quixo apuntar que “estas inversións nas zonas rurais elevan o nivel de calidade de vida da veciñanza e poden servir de incentivo para moitas persoas que podan ter pensado establecerse no noso municipio”.