O Concello de Cervo destina máis de 70.000 euros á mellora viaria no núcleo da Moreira, en Rúa

O Concello de Cervo está a executar estes días unha actuación de acondicionamento e mellora do firme no núcleo da Moreira, na parroquia de Rúa, cun investimento que supera os 70.000 euros. En concreto, a obra conta cun orzamento de 70.224 euros e está financiada con fondos procedentes do Plan Único, dentro da estratexia municipal de mantemento e modernización das infraestruturas viarias.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou a zona para supervisar o desenvolvemento dos traballos acompañada polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e polo pedáneo de Rúa, Ramón Elemparte. Durante a visita, a rexedora puxo en valor a importancia destas actuacións, sinalando que se segue a avanzar na mellora das comunicacións nos núcleos rurais, dando resposta ás demandas da veciñanza e garantindo vías máis seguras e cómodas para o uso diario.
García Caramés destacou tamén que este tipo de investimentos resultan esenciais para conservar en bo estado as infraestruturas municipais e contribuír á mellora da calidade de vida, especialmente nas parroquias rurais, onde as comunicacións xogan un papel clave.
A intervención abrangue unha superficie aproximada de 3.151 metros cadrados, nun tramo de viario que presentaba un notable deterioro como consecuencia do paso do tempo, do tráfico rodado e das condicións meteorolóxicas. Os traballos céntranse na renovación da capa de rodadura, mantendo as cotas actuais, o que permite unha execución áxil e eficaz sen modificar a configuración do camiño.
As obras inclúen a limpeza da vexetación nos marxes, o fresado do pavimento bituminoso en puntos concretos cun espesor de cinco centímetros, a aplicación dun rego de adherencia e a posterior extensión dunha nova capa de mestura bituminosa en quente. Ademais, estase a realizar unha actuación puntual na rede de saneamento de augas pluviais mediante a execución dun caz de formigón, co obxectivo de reducir a escorrentía da auga sobre a vía.
Con esta intervención, o Concello de Cervo reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas viarias e coa conservación do medio rural, apostando por camiños máis seguros, funcionais e adaptados ás necesidades da veciñanza.