O Concello de Cervo apoia un novo curso de forxa tradicional impartido por Telmo Cao en Sargadelos

AMariñaXa
A formación desenvolverase durante o mes de agosto en dúas fases e contará coa colaboración do Concello para facilitar o acceso do alumnado
curso-forxa-cervo
9 Jul 2026

O Concello de Cervo volverá colaborar este verán na organización dun novo curso de iniciación á forxa tradicional impartido polo artesán Telmo Cao no seu obradoiro de Sargadelos, situado na antiga nave de fundición, un edificio histórico do século XVII restaurado e cedido pola administración local no ano 2020.

A formación desenvolverase en dúas quendas. O curso de iniciación celebrarase do 3 ao 7 de agosto, mentres que o nivel 2 terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Ambas as dúas propostas están dirixidas a persoas interesadas en iniciarse ou ampliar coñecementos neste oficio tradicional mediante unha metodoloxía eminentemente práctica.

O Concello colabora novamente nesta iniciativa ofrecendo un prezo reducido para o alumnado, co obxectivo de facilitar o acceso á formación e contribuír á conservación e difusión dun oficio estreitamente ligado á historia e ao patrimonio de Sargadelos.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou a importancia de apoiar este tipo de iniciativas, que permiten manter vivos os oficios tradicionais, garantir a súa transmisión ás novas xeracións e poñer en valor o patrimonio histórico e cultural do municipio.

Pola súa banda, Telmo Cao, referente na forxa artística e na escultura en metal, abrirá unha vez máis as portas do seu obradoiro para compartir a súa experiencia e ofrecer unha oportunidade de aprendizaxe arredor dunha disciplina con fondas raíces na tradición galega.

O prazo de inscrición xa está aberto e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico telmocao@yahoo.es ou do teléfono 638 717 272.

0.13156199455261