O Concello de Cervo adquiriu novo material deportivo homologado para as pistas de atletismo da Veiga
O Concello de Cervo, vén de adquirir novo material deportivo homologado para as pistas de atletismo da Veiga.
A rexedora, Dolores García Caramés, e o edil de Deportes, David Rodríguez, achegáronse ata as instalacións para ver in situ o novo equipamento homologado que supuxo un investimento de 15.000 euros, procedentes das arcas municipais.
En concreto –explicaron- “adquiríronse valos de diferentes características e dimensións, tacos de saída, obstáculos e un carro porta valos co fin de seguir mellorando e completando pouco a pouca a dotación desta instalación privilexiada que temos no noso municipio, para fornecela de todo o equipamento necesario para acoller diferentes competicións e probas oficiais, e para uso e desfrute tamén dos atletas que adestran a diario nas pistas”.
Neste senso, avanzaron que a próxima competición oficial que acollerá as pistas será o vindeiro 21 de abril, cando se celebrará en Cervo unha proba do I Circuíto Galego de Marcha Atlética.
Cabe recordar, que o Concello de Cervo o Concello de Cervo vén de dixitalizar o proceso de reservas das pistas de atletismo. A través do enlace https://reservas.concellodecervo.com/ . As persoas, que terán que estar federadas, poden reservar así de xeito gratuíto o día e a franxa horaria que mellor se adapte ás súas circunstancias en función da dispoñibilidade; e recoller a chave na piscina municipal, amosando o correo de confirmación da reserva e o número de licenza federativa.