O Concello de Cervo abre o prazo para solicitar axudas para as ANPAS
O Concello de Cervo abre este venres o prazo de solicitude de axudas dirixidas ás ANPAS e aos centros escolares do municipio -CEIP de Cervo, CEIP Península da Paz e IES Marqués de Sargadelos-. A convocatoria permanecerá aberta ata o 28 de novembro.
Tal e como recorda a alcaldesa, Dolores García Caramés, o fin desta liña de axudas é o de contribuír a fomentar as actividades educativas e lúdico-culturais que promoven estas entidades ao longo de todo o ano e que van dirixidas a dinamizar a comunidade escolar, e brindarlles ao tempo unha axuda económica para que poidan facer fronte aos seus gastos de funcionamento na súa importante labor.
Xa que, segundo sinala, no caso das ANPAS non só son a ponte entre as familias e os centros educativos, senón que son un piar fundamental para fomentar a participación activa das familias na educación das crianzas, en colaboración tamén co persoal docente.
Por estas razóns, resérvase unha partida orzamentaria de 7.500 euros que se vén sumar a outras axudas que temos dispostas dende o Concello dirixidas á comunidade educativa tanto para a compra de libros e material escolar como para transporte.
As bases están dispoñibles para a súa descarga no taboleiro de anuncios da web municipal.