O Concello de Burela reforza o control e a seguridade do punto limpo municipal

AMariñaXa
As melloras inclúen a instalación dunha báscula, novos sistemas de control de acceso e videovixilancia para optimizar a xestión dos residuos
OBRAS-PUNTO-LIMPO-BURELA
6 Feb 2026

O Concello de Burela avanza nas actuacións de modernización do punto limpo municipal coa posta en marcha dunha serie de melloras destinadas a incrementar o control na entrada e saída de residuos, optimizar a súa xestión e garantir unhas instalacións máis seguras e eficientes. Estes traballos forman parte dunha estratexia municipal orientada a mellorar os servizos públicos e fomentar unha xestión máis responsable dos residuos.

No marco do seguimento da obra, a alcaldesa de Burela, Carmela López, visitou as instalacións xunto co concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, e o director da actuación, para comprobar de primeira man o estado de execución dos traballos, que se atopan xa na súa fase final.

Segundo se recolle no proxecto, as actuacións céntranse na mellora das infraestruturas municipais destinadas á recollida selectiva, co obxectivo de facilitar a reciclaxe e outras formas de valorización dos residuos, reducindo así a cantidade de materiais que acaban sendo eliminados. Un dos elementos máis destacados da intervención é a instalación dunha báscula que permitirá pesar con precisión os residuos que entran e saen do punto limpo, mellorando o control dos fluxos e a información dispoñible sobre a xestión diaria.

Ademais, estanse a levar a cabo actuacións para reforzar o control de acceso á zona de almacenamento, mediante a mellora do peche perimetral e a instalación dun sistema de videovixilancia composto por catro cámaras. Estas medidas buscan incrementar a seguridade dun recinto que viña sufrindo actos vandálicos e roubos nos últimos anos.

O concelleiro de Obras explicou que estas melloras responden a unha necesidade evidente. “Era imprescindible dotar o punto limpo de máis control sobre o que chega e como se xestiona”, sinalou, destacando que a nova báscula permitirá dispor por primeira vez de datos exactos sobre a cantidade de residuos tratados.

Ramiro Fernández tamén indicou que os problemas de seguridade detectados derivaban nalgúns casos nun uso indebido das instalacións, con residuos abandonados mesmo na entrada do recinto. “Con estas actuacións pretendemos corrixir comportamentos incívicos e mellorar o funcionamento xeral do servizo”, apuntou.

O investimento total da obra ascende a 68.748,21 euros e os traballos están practicamente rematados. Desde o Concello subliñan que esta actuación evidencia o compromiso municipal cunha xestión eficiente dos residuos e co correcto funcionamento do punto limpo como servizo público esencial.

⚙ Configurar cookies
0.077655076980591